O estacionamento urbano foi parte esencial na reunión
O Museo Municipal Manuel Torres acolleu esta tarde-noite unha reunión coa cidadanía da Rúa da Ponte e os seus comerciantes co obxectivo de coñecer os detalles da obra de humanización que está proxectada e que xa comezou coa execución da súa primeira fase, que engloba a Concepción Arenal. Unha obra que segue os parámetros das humanizacións levadas a cabo noutros puntos do casco urbano e que serviron de exemplo á alcaldesa, María Ramallo, para mostrar o antes e o despois destas intervencións, “que cambian
radicalmente a calidade de vida do noso centro urbano”.
Ramallo insistiu en que apostar por un urbanismo que englobe as distintas necesidades do tráfico rodado e do tránsito peonil é fundamental para revitalizar zonas comerciais e que a mellora das beirarrúas é un pilar imprescindible para avanzar na seguridade cidadá.
“Moitas das nosas rúas, como pasa agora na Rúa da Ponte, non cumpren coa accesibilidade, non pode pasar unha cadeira de rodas ou un carriño de bebé comodamente por elas, a súa configuración fai peligrosos os pasos de cebra pola invisibilidade de elementos como os colectores… Son rúas que teñen que cambiar e que mellorarán a experiencia de camiñar por elas, e, por tanto, de mercar nelas”, asegurou a rexedora.
Con respecto ao tema do estacionamento, un dos puntos que máis preocupa a veciñanza e comerciantes, Ramallo puxo datos sobre a mesa. En 12 anos de Goberno, grazas á dotación dos aparcadoiros públicos gratuitos do centro urbano (xa que non se contan nestas cifras os do Carballal ou o Pavillón da Raña), creáronse 782 prazas de aparcamento, fronte ás 299 que se eliminaron coa humanización e mellora de rúas. “Dotamos a Marín de moito máis aparcamento do que tiña antes, pero temos que entender que nas plenas rúas céntricas é prioritario o peón e que podemos aparcar a 5 ou 10 minutos para poder, entre todos, ter rúas máis atractivas”, explicou.
A alcaldesa recordou que “o noso Plan de Mobilidade Sostible fixo un traballo de campo no que se recolleu o seguinte dato: en Marín, o 90% dos desprazamentos en coche no centro urbano é para traxectos de menos de 5 minutos. Iso temos que cambialo”.
Enquisas de participación para a cidadanía e os comerciantes
A transformación urbana ten que facerse de xeito simultáneo á transformación e modernización do tecido comercial. Para seguir traballando nesa liña, o Concello pasou aos participantes da reunión dúas enquisas de participación, unha dirixida a comercios e negocios e outra para a veciñanza en xeral, nas que se preguntan cuestións relativas ás tendencias de consumo, cantas veces se merca no comercio local, que factores consideran os enquisados que están impactando nel e como se desprazan ata as zonas comerciais, entre outras cousas.
As enquisas estarán abertas a través das seguintes ligazóns e o Concello fai un chamamento á cidadanía a cubrilas con rigor “para que poidamos sacar conclusións e tendencias claras que nos axuden a seguir dando pasos”:
● Enquisa para comerciantes: https://forms.gle/a5qB8joCYdwVLwst6
● Enquisa para a cidadanía: https://forms.gle/xhDaVgRvDL8Ef9Vp9