Araceli Otero, Javier Carro e Diego Ríos na sede do PP de Moaña.

Diego Ríos vaise incorporar ao grupo municipal do PP de Moaña en substitución da concelleira Araceli Otero, que vén de anunciar a súa renuncia “pola falla de tempo que a miña vida profesional, familiar e deportiva impide que atenda aos veciños de Moaña coa intensidade e o tempo que se merecen”.

A edil, que concorreu de número 2 na candidatura popular das pasadas eleccións municipais de maio, informou da súa marcha o martes á noite a todos os seus compañeiros nunha reunión da agrupación local do PP e explicoulles que o seu traballo, a súa familia e, sobre todo, a súa implicación no proxecto deportivo do Marín Futsal non lle permiten adicarse á representación municipal “co que precisa un concello como Moaña e un proxecto alternativo tan amplo como o do Partido Popular”.

“Sabía que ía ser difícil, pero tenteino de todas as maneiras porque creo moito no PP, co que vou seguir colaborando todo o que poida, e sobre todo creo en Moaña e a súa xente, pero o tempo que tiña absórbemo todo un proxecto tan bonito para O Morrazo como o do fútbol sala feminino, ademais nun momento trascendental para o crecemento das mulleres en todo o eido deportivo, polo que teño que ser honesta comigo, cos meus compañeiros e co pobo de Moaña e dar un paso a un lado”, detallou a concelleira.

«Estou moi ilusionado»

No seu lugar, incorporarase ao grupo municipal Diego Ríos, que ocupou a sétima praza da candidatura do PP hai cinco meses e que desempeña a función de tesoureiro na agrupación municipal. Ríos é de Meira, está moi vencellado ao mundo do deporte local e conta cun gran dinamismo e vocación social e de servizo público.

“Estou moi ilusionado ante este reto, moi contento de representar aos veciños de Moaña e de sumarme ao equipo de Javier Carro e do Partido Popular, pero tamén estou moi responsabilizado para estar á altura do traballo feito por Araceli, que é un baluarte do noso partido, polo que vou adicar en corpo e alma para tentar que non se note a súa falta”, manifestou o que vai ser novo edil.

«Boa saúde e da unidade do PP de Moaña»

Pola súa banda, o voceiro municipal, Javier Carro, valorou especialmente a “normalidade e naturalidade” deste relevo, “o que dá boa mostra da boa saúde e da unidade que temos no PP de Moaña e de que estamos plenamente centrados no noso obxectivo, que é defender aos veciños, fiscalizar ao goberno e facer propostas en positivo para o desenvolvemento do noso concello”.

Carro agradeceu a “xenerosidade, elegancia nas formas e no fondo, o carisma e o traballo” despregado por Araceli Otero e lamentou a súa marcha, aínda que a comprende, “porque ela é historia de Moaña e do PP local”, pero amosouse convencido de que Diego Ríos “vainos dar moitas satisfaccións, porque é unha persoa nova, con gañas, con capacidade, con ideas e que ten un enorme cariño por Moaña e pola súa xente, e por elo estou plenamente convencido de que vai aportar moito a este grupo e a este pobo”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *