O concelleiro Manuel Santos achegouse ata as obras para comprobar o seu avance e como se está a reformar toda a manzana urbana do Inferniño
O corazón urbano da zona do Inferniño está a reformularse grazas á apertura do
novo viario de Travesía República Arxentina, unha rúa que xa comeza mostrar o
seu novo trazado, despois de que se derrubase por fin o muro que separaba
ambas partes. Así o foi comprobar o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, que acudiu á zona das obras a comprobar o seu avance e toda a mellora urbana que suporá a apertura desta rúa na zona. “Agora xa é máis sinxelo ver o que se gañou e seguirase mellorando, cando se comece coa pavimentación e a creación de beirarrúas, así como a mellora das existentes na zona que xa estaba urbanizada”, explicou o concelleiro.
O novo tramo será de 44 metros de lonxitude e deixa dúas parcelas anexas, nas que é posible levar a cabo unha promoción inmobiliaria, que se volve moito máis interesante coa renovación urbana de Travesía República Arxentina.
Actualmente a execución da obra supera o 50%. Nela, investiranse 241.612,40 euros (máis IVE), con cargo ao Plan Concellos.