O polbo conxelado incautado polos Gardacostas de Galicia.

Axentes do Servizo de Gardacostas e da Policía Autonómica de Pontevedra comisaron nos últimos días no porto de Bueu 80 quilos de polbo conxelado, todo de talla inferior ao regulamentario, que é dun quilo por peza. Ademais o produto carecía de documentación que amparase a súa rastrexabilidade.

O coche da Policía Autornómica co polbo incautado.

A actuación tivo lugar nun dos almacéns no peirao de Bueu destinados a gardar aparellos ou cebo, entre outros materiais, onde localizaron un arcón conxelador con 118 polbos que sumaban 80 quilos e distribuídos en 59 bolsas. Cada unha das pezas pesaba unha media de 0,677 quilos, o que se sitúa por debaixo do tamaño e peso regulamentario establecidos na normativa vixente.

A Policía Autonómica propuxo o titular do galpón para sanción debido a que os feitos investigados son constitutivos de infracción segundo a Lei de Pesca de Galicia. En concreto, levantaron acta de presunta infracción por incumprir o tamaño e o peso regulamentario fixados e por carecer de documentación da súa rastrexabilidade.

Tamaño do polbo incautado.

O polbo comisado trasladouse ás instalacións da lonxa de Bueu e, tras constatar que era apto para o consumo, foi doado ao Banco de Alimentos de Pontevedra.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica e a Consellería do Mar contra a extracción e comercialización ilegal de produtos do mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir estas actuacións, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *