O Museo Municipal Manuel Torres foi o escenario esta mañá do acto polo Día Internacional da Muller en Marín, un emotivo momento que uníu a toda a cidadanía en torno á igualdade, á visibilidade das mulleres, ao seu dereito de estar á mesma altura e ocupando o mesmo espazo ca os homes na sociedade.
Eses valores encarnáronse na profesión das farmacéuticas de Marín, o colectivo ao que se lle adica o Día da Muller este ano, recordando, entre outras, á figura de Emilia Barreiro, a primeira muller en Galicia en obter o título de Bacharelato e en licenciarse na Universidade de Santiago de Compostela na carreira de Farmacia no ano 1901.
“Emilia, como tantas outras, foi unha muller pioneira, que abriu camiño ás xeracións futuras”, declarou a alcaldesa, María Ramallo, durante a súa intervención. Unhas xeracións que xa hoxe son presentes e que están compostas por mulleres como Ana Touriño Vivero, farmacéutica de Farmacia Touriño, a máis
nova de todas as que se adican a esta profesión na vila, e que se encargou de ler a declaración institucional.
Xunto a ela, tamén interviron durante o acto as farmacéuticas marinenses María Elena Lorenzo Blanco, Begoña Argibay Noal, María del Pilar Souto Meiriño e Rosalía Santiago Touceda. Elas falaron da importancia de rachar cos teitos de cristal en todos os ámbitos da vida, de como é a xestión dunha Oficina de Farmacia e cales son os retos que tiveron afrontar no desenvolvemento da súa traxectoria profesional. Ademais delas, participou tamén no acto a presidenta do Colexio Oficial de Farmacia de Pontevedra, Beatriz García Iglesias.
Ademais, falouse de conciliación, do futuro da Oficina de Farmacia, das diferencias entre exercer a profesión no casco urbano ou no rural, das anécdotas pasadas e de como foi cambiando a realidade social ao longo destes anos.
Para rematar o acto, o Concello fixo entrega a todas da viñeta conmemorativa do día, realizada pola ilustradora de Xulia Pisón, así como a figura do CIM, baseada no cadro da “Maternidade”, de Manuel Torres. Ademais das que participaron coa súa testemuña, o resto das farmacias homenaxeadas foron: María Dolores Boullosa Curra (Farmacia Boullosa), Carmen Segade Diéguez (Farmacia de Mogor), Keyna Rivera Rodríguez (Farmacia Rivera Rodríguez), Estrella Osorio Pérez e María del Pilar Garrido Torres (Farmacia Garrido Torres-Osorio), Francisco Freire Santos (Farmacia Freire Santos) e Gonzalo Saavedra Santiago (Farmacia Saavedra Santiago).