O evento festivo conta cunha web propia como parte do expediente iniciado para a súa declaración como Fiesta de Interés Turístico Nacional
Concello de Vilaboa e Asociación Cultural presentaron a nova imaxe da marca Entroido de Cobres e a web propia coa que esta festa tradicional avanzará na súa promoción nacional e internacional, cumprindo así parte dos requisitos imprescindibles no expediente de Declaración de Fiesta de Interés Turístico Nacional aprobada polo goberno local este mesmo ano. A maiores, e partindo de que o evento xa ten a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, a web do Entroido de Cobres está dispoñible en tres idiomas, ten accesibilidade para persoas xordas e cegas, cumple coa linguaxe inclusiva e recollerá toda proxección nacional e internacional deste evento.
Un proceso que tanto o o alcalde de Vilaboa, César Poza como a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, estimaron que terá un mínimo de dous anos. “É un expediente complexo e son moitos os parámetros que temos que cumprir antes de presentar a solicitude no Ministerio que corresponda coa ilusión de que este Entroido conte con esa distinción especial”, explicou Carmen Gallego.
No acto de presentación o goberno local estivo acompañado por dous membros da Asociación Cultural Cobres, Dani Somoza e Lidia Peleteiro a quenes felicitaron pola recente recepción do premio Emilia Pardo Bazán de Turismo e que explicaron que contan xa cunha axenda de saídas e encontros para dar a coñecer o Entroido de Cobres e que a semana próxima os levará a Portugal e en xaneiro a Fitur.
En canto á imaxe de marca do Entroido de Cobres o gorro é o elemento principal, combinando o compromiso coa tradición, apelando á vez á festa e á diversión. Nela pódese ver de xeito claro os ornamentos, as formas xeométricas na cultura castrexa galega e o escudo do Concello que presenta a historia e o entorno xeográfico de Vilaboa.
As características particulares deste logotipo do Entroido de Cobres son as súas formas xeométricas imitando as frores, parte fundamental dos sombreiros que levan as madamas e os galáns, todo inspirado na cultura castrexa que ornamentaba as súas vasixas con formas xeométricas e que se perpetuaban no tempo. Por outra parte as cores do Concello de Vilaboa non só representan a contorna senón que tamén aportan un aire festivaleiro á mesma marca. O sombreiro leva ao espectador a asociar de forma rápida e sinxela o Entroido de Cobres.