O alcalde, César Poza, solicita á administración autonómica unha “postura conxunta”
O alcalde de Vilaboa, César Poza, mantivo unha primeira reunión de traballo coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, para avanzar na regularización urbanística da franxa litoral de Vilaboa, unha cuestión que preocupa tanto ao goberno local como aos numerosos propietarios e propietarias con bens inmobles situados nesta zona e na que lle solicitou concordar nunha “postura conxunta”.
Trala aprobación definitiva dos núcleos Saxosa, Sabaxáns, A Graña, Casfalcón, Sobreira e Novás ao contar co informe favorable da Dirección Xeral de Urbanismo consolidándoos no Plan Xeral, César Poza da un paso máis na regularización urbanística de Vilaboa sentando as bases dunha mesa de traballo na que o Concello de Vilaboa defenderá a singularidade da súa franxa litoral ante a administración autonómica para tratar de acadar un punto de consenso favorable tanto para o interese público como para o dos propietarios e propietarias de inmobles afectados.
César Poza destaca o ambiente cordial no que se desenvolveu esta primeira reunión de traballo e confía en que este sexa o ambiente que envolva os encontros futuros. “Teño que agradecer á Dirección Xeral de Urbanismo o seu interese e axilidade en recibirnos xa que transcurriu pouco máis dunha semana desde que solicitei a reunión”, explica o alcalde de Vilaboa.
“A partir de agora quédanos por diante moito traballo por facer pero non imos escatimar esforzos por darlle solución a unha situación complexa que hai que abordar sen perder de vista a singularidade de Vilaboa e estou convencido de que imos dar coa solución. Saín da reunión coa impresión de que a directora xeral de Urbanismo vai poñer o mesmo empeño que nós en encontrala”.