O interese por coñecer o noso patrimonio mantense dentro da oferta turística da
vila. Durante a Semana Santa, tal e como explican desde Anta da Moura, empresa
encargada da xestión do Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor, cerca
de 200 persoas visitaron o enclave, “aínda que esta cifra debe incrementarse nun
30-40%, xa que moita xente visita por libre os petróglifos sen pasar polo CIP, polo
que non quedan rexistrados”.
Maioritariamente, o perfil dos visitantes era en parellas ou en grupos familiares,
con tramos de idade comprendidos entre os 30 e os 60 anos, aínda que tamén se
rexistraron moitas visitas de persoas maiores de 60.
En canto á procedencia, desde o CIP explican que se nota “ese auxe que estamos
a vivir do turismo nacional, xa que veu moita xente de fóra de Galicia, namentres
que estranxeiros só recibimos un de Portugal”. Xente de Madrid, Barcelona,
Girona, Burgos, Toledo, La Rioja, Bilbao, Xixón, León ou Huesca achegáronse até
Mogor. Desde Galicia, rexistráronse visitantes de Lugo, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Ourense, Bueu, Cangas, Salceda de Caselas, Ferrol, Ribeira, Ordes, Narón ou
Chantada, entre outros.