O arranque do novo curso sempre é un momento de voráxine tanto para as familias como para o equipo directivo e docente dos centros educativos, así como para o propio alumnado, que vén coas pilas cargadas do verán para poder iniciar un novo paso na súa andaina educativa e formativa.
A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, estiveron visitando nestas últimas semanas aos centros educativos públicos de Infantil, Primaria e Secundaria de Marín para coñecer que tal se levou este inicio de curso escolar e cales son as demandas que teñen de cara ao próximo ano.
A rexedora e a edil visitaron a EEI Grupo, o CEIP da Laxe, o CEIP do Sequelo, o CEIP do Carballal, o CEIP de Seixo, o CEIP de Ardán e os IES Mestre Landín, Illa de Tambo e Chan do Monte. Na maioría dos centros, fixéronse melloras no exterior. Outros anos xa se levaran a
cabo traballos nos interiores, por iso desta vez tocaba centrarse nos patios, parques infantís, melloras nas instalacións deportivas e de ocio, nos pavimento e nas reixas… Tamén se levaron a cabo adaptacións de accesibilidade e de seguridade, revestindo elementos que podían ser perigosos para o alumnado. No interior, aínda que, como se comenta, de forma menor, leváronse a cabo arranxos de humidades, pintados de aulas ou melloras e renovación dalgúns aseos. En total, investíronse cerca de 100.000 euros.
“Seguiremos con esta aposta por invertir nos centros públicos educativos, nas súas instalacións e no que precisen”, explicou a alcaldesa, algo que reforzou a edil de Educación lembrando e agradecendo que os coles “normalmente, ademais das actividades extraescolares, permiten nos seus centros o desenvolvemento de iniciativas culturais e deportivas alleas ao tema académico, como é o caso das Escolas Deportivas Municipais”.
Inversións nas Galiñas Azuis
Por outra banda, desde o Concello anuncian tamén que se realizarán melloras e inversións nas Galiñas Azuis cercanas aos 20.000 euros, como é no caso da Galiña Azul de San Pedro, que nos próximos días verá iniciarse a reforma integral do seu patio.
Bonificación en comedores escolares
A maiores, outra das liñas de axuda educativa habilitada polo Concello é a cofinanciación dos comedores escolares. Por unha banda, mantense a exención total do pago para as familias que se atopen en situación de necesidade, sempre a través da tramitación do departamento de Servizos Sociais do Concello.
Por outra banda, segue activa tamén a bonificación de 10 euros para todos os nenos e nenas que desfrutan deste servizo nos centros educativos marinenses e se realiza a través das Anpas de Marín e da Fanpa.