O líder de XM asegura que a alcaldesa ten varios correos dos afectados pedíndolle unha reunión con ela. A rexedora citou mañá ao veciño solicitante
O portavoz de XM, Javier Carro, critica que o goberno local non lle entregara os informes elaborados pola Policía Local de Moaña sobre o camiño de Couso. «Once días despois de pedilos aínda non se me contestou a pesar de que como concelleiro teño dereito a que se me conteste en cinco días», denuncia o líder de XM.
Ademais, Carro lamenta que a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, aínda non recibise ao veciño deste vial da parroquia de Meira que lle pediu unha reunión en varias ocasións e que demanda que se prohíba o aparcamento no camiño. Tras declarar Santos que non tiña constancia de ningunha solicitude expresa deste afectado para reunirse con ela, Javier Carro mostra varios correos electrónicos cruzados dos meses de setembro e novembro de 2021 que o corroboran.
Reunión mañá afectado-alcaldesa de Moaña
Finalmente, Santos convocou para mañá ás 10:00 horas a este veciño de Couso para tratar o conflito. Ao encontro foi convocado o solicitante e estarán presentes o edil de Mobilidade, Rodrigo Currás, e o xefe da Policía Local, Lois Casás.