Dous médicos cubrirán as prazas vacantes na quenda de tarde e farán gardas no PAC de Cangas
O candidato á alcaldía polo PP de Moaña, Javier Carro, mantivo onte a primeira reunión como alcaldable e fíxoo co xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Puente. Un encontro do que saíron dúas conclusións, o compromiso do Sergas para facerse cargo do arranxo do centro de saúde de Domaio e a incorporación de dous novos médicos de Atención Primaria ao ambulatorio moañés para cubrir as vacantes en quenda de tarde. Facultativos que tamén farán gardas no PAC de Cangas para garantir un correcto servizo de urxencias aos veciños de ambas as localidades. Ambas as prazas foron concedidas no recente proceso aberto pola Consellería de Sanidade -por concurso de méritos- a pesar do voto en contra no Parlamento do partido da Alcaldesa de Moaña, á que critica duramente por este motivo.
Así, Carro asegurou que “as medidas adoptadas pola Xunta están a empezar a dar os seus froitos, e estou seguro que a situación vai ir mellorando”. Neste sentido defendeu e agradeceu aos profesionais do centro de saúde de Moaña o esforzo e empeño en brindar a mellor atención sanitaria a l@s moañes@s”.
Filtracións en Domaio
Co fin de paralizar a deterioración progresiva que sofren as instalacións do centro de saúde de Domaio debido ás filtracións de auga existentes que poidan chegar a provocar o seu peche, o xerente da área Sanitaria confirmou a Carro que propoñerá ao Concello de Moaña a firma dun Convenio co Sergas no que se recollerá unha serie de actuacións entre as que se inclúen os custos de mantemento do ambulatorio, actualmente a cargo do Concello, para que nun futuro corra a cargo de ambas as administracións. Puente, segundo o candidato do PP moañés, puntualizou que as obrigacións económicas pendentes, anteriores á data na que o Sergas se faga cargo dos gastos de mantemento, corresponderán ao Concello de Moaña.
O xerente aclarou que “a poboación de Moaña pode estar tranquila porque ten unha atención sanitaria de calidade, mellorable, sen dúbida, pero recoñezo que faltan un número de médicos que nos gustaría fóra menor en toda Galicia. Estas ausencias cóbrense con moitísimo esforzo xa que todo o que está nas mans do SERGAS, facémolo. O problema é a falta de facultativos especialistas en Medicina de Familia e Comunitaria en Galicia e en toda España”.
Discapacidade e dependencia
Por último, Carro expuxo ao xerente do SERGAS que un dos temas favoritos da súa campaña será o seu compromiso coa atención á discapacidade, políticas de dependencia e de saúde, piares no seu labor para mellorar a atención de persoas que non poden realizar as actividades básicas da vida diaria, ou doutros apoios para a súa autonomía persoal. “Aínda hai moito que mellorar e avanzar neste terreo, e quero chamar a atención sobre a importancia de empregar recursos públicos onde realmente poden ser útiles”, recalcou Carro.