Imaxe do proxecto.

O próximo martes haberá unha manifestación ás 20:00 horas con saída da Praza do Concello

Dentro do marco das actividades en relación ao 8 de marzo o Concello de Cangas o Consello Municipal de Igualdade vai desenvolver un programa de actividades enfocadas a ensalzar o papel da muller na vida local. A primeira comezó o pasado venres coa inauguración da exposición `Recuperando a Historia das Miñas Veciñas´que estará aberta ata o 11 de marzo no Concello de Cangas.

Mañá martes, 8M, ás 18:00 horas interpretarase a obra de teatro `Coser e Contar´ con Marta Ortiz no adro da Capela do Hospital. En caso de choiva trasladarase á sala de exposicións do Auditorio Municipal. Trátase dunha historia que ten que ver cun viaxe nun taller de costura, un lugar máxico aos ollos da nena protagonista que escoita contos, coplas, cancións en boca da súa avoa, nai e tía mentres traballan. Unha homenaxe ás mulleres de mans sabias que foron as primeiras narradoras e transmisoras de coñecemento.

Ás 20:00 horas, manifestación con saída da Praza do Concello e lectura do manifesto consensuado polo Consello Municipal de Igualdade na Praza do Concello.

O mércores 9 no Auditorio ás 20:00 horas, proxección da curta “Reto equivocado”, guión gañador do concurso de guións contra as Violencias Machistas da man das alumnas Nadia Rial Prach, Erika Rodal Rodríguez, Elda Melón Rodríguez do IES Monte Carrasco.

O sábado, 12 de marzo, tamén no Auditorio terá lugar a obra «Feminissimas» ás 20:00 horas. Unha creación colectiva coa amizade como fondo e o feminismo como forma. Desenvólvese nun congreso feminista en Vigo. Tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven. Tres amigas que teñen 3 maneiras ben distintas de entender o “feminismo”…Este é o punto de partida desta creación de
Esther F Carrodeaguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira. Unha peza teatral con altas doses de humor, ironía e complicidade para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía. Unha comedia negra moi violeta.

Xa o luns 14, a exposición `Recuperando a Historia das Miñas Veciñas´ trasladase ás bibliotecas de Aldán, Hio, Coiro e Darbo ata o 14 de abril.

E para rematar a programación especial polo Día da Muller, o venres 18 de marzo, ás 21:00 horas no Auditorio, proxección de `Por ser Muller´, de Mercedes Resino. Un documental que conta a vida das iniciadoras do feminismo en Madrid: a cantante Julia León e a profesora Luisa Postigo. Este documental abarca os primeiros temas de conversación nas reunións, que lles fixo tomar conciencia de que había unha loita das mulleres. A procura de si mesmas, o rexeitamento á desigualdade, a prioridade dunha independencia económica, as dificultades no mundo laboral, así como outros condicionamentos que aínda se manteñen.

Durante todo o mes de marzo “Recuperando a Historia das miñas Veciñas II”

Durante todo o mes de marzo, realizarase nos centros educativos de primaria e secundaria da localidade o proxecto “Recuperando a Historia das miñas Veciñas II”.

Este proxecto busca expresar e sensibilizar ao resto da cidadanía a través dun traballo en rede para visibilizar o traballo daquelas Mulleres que naceron en Cangas ou que desenvolveron o seu traballo en Cangas. Cremos que é importante que os nenos e nenas teñan unha actitude activa nesta proposta comunitaria. As Mulleres escollidas poden ser Mulleres do noso pasado histórico ou Mulleres contemporáneas e serán escollidas no propio centro. A finalidade é dar a coñecer e investigar sobre as Mulleres da nosa contorna e así poder ampliar as persoas referentes. Coas biografías entregadas ao finalizar marzo elaborarase unha exposición para dar a coñecer a estas Mulleres ao resto da cidadanía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *