A Xunta e 12 concellos acordaron hoxe investir case 2,7 millóns de euros para manter activo durante dous anos máis o Plan de Transporte da área de Vigo, tras bonificar máis de 17 millóns de viaxes no autobús interurbano e no transporte de ría. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe un novo acordo cos mesmos concellos cos que hai 7 anos o Goberno galego puxo
en marcha esta aposta conxunta polo transporte público, entre eles Cangas e Moaña.
Vázquez Mourelle referiuse ao Plan de transporte da área de Vigo como un “plan social” que, mediante un sistema de integración tarifaria, permite ofrecerlles aos usuarios descontos nos prezos dos billetes, transbordos gratuítos e rebaixas adicionais para usuarios recorrentes e para familias numerosas. E lembrou que na área de Vigo, este plan de transporte ten o atractivo adicional de funcionar, ademais de nos autobuses, no transporte de ría con Cangas e Moaña. Un sistema que xa funcionaba na Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol, foi tamén un éxito nesta área a pesar de que, a diferenza do resto de cidades, o Concello de Vigo rexeitou participar e, por iso, aquí “o transporte metropolitano está incompleto”, explicou a conselleira.
Deste xeito, sinalou, os cidadáns de Vigo acadan na actualidade aforros duns 600 euros no transporte público, aínda que poderían conseguir aforros de ata 1.000 euros ao ano de integrarse o Concello de Vigo.