Este luns presentouse no Salón de Plenos do Concello o II Torneo Concello de Cangas “Memorial Claudio González» de fútbol a pé, que se celebrará o vindeiro sábado día 22 no Campo Municipal Morrazo, en horario de 9:00 a 14:30 horas. Na presentación do torneo estivo presente o seu creador, José María Rial, así como o presidente do FC Alondras, Rafa Outeiral, acompañados polas concelleiras de Deportes, Sagrario Martínez, e de Benestar Social, Leonor Gala Torres.
Este deporte, federado desde 2021, é unha variedade de fútbol de clubes que busca ser unha actividade integradora, inclusiva e interxeracional, xa que está dirixida a persoas de calquera idade, xénero e condición física. E ademáis, un deporte sen fronteiras, xa que este sábado, acompañando aos equipos locais, participarán equipos de Santiago de Compostela, Pontevedra e Arzúa, facendo un total de 12 equipos participantes. Ao remate dos partidos, haberá unha comida de confraternidade organizada polo FC Alondras, un dos organizadores, onde xa hai apuntadas cerca de 100 participantes e acompañantes.
Conta o seu creador que grazas á experiencia do fútbol a pé non so se mellora a condición física, senón que a nivel emocional as persoas que xogan atopan empatía, cariño, unha paixón pola que erguerse polas mañás, e o que é máis importante: unha gran familia.
Toda a información para participar neste evento, que xunta deporte, saúde e benestar emocional, facilítase a través do correo futbolapie@gmail.com