Redrum Teatro presenta esta noite, sábado 24 de outubro, ás 21.00 horas, no salón de actos do IES As Barxas de Moaña, a obra Caídas, unha aposta por un teatro comprometido e con perspectiva de xénero. A entrada é de balde, previa inscrición a través da páxina web do Concello de Moaña.

A peza denuncia unha das realidades máis silenciadas e crueis do franquismo e da transición española: o Patronato de Protección de la Mujer, unha das institucións máis escuras e descoñecidas daquel período. Baseada no ensaio da xornalista Montse Fajardo, Caídas. Achegamento ao Patronato de Protección de la Mujer, editado en 2024 polo Concello de Santiago e a USC, e noutra documentación, a obra documenta a realidade de miles de mulleres que, sen teren cometido delito ningún, foron privadas de liberdade baixo o pretexto da súa protección e reeducación moral.

A dirección corre a cargo de Marián Bañobre, que asina tamén a dramaturxia xunto con Santiago Cortegoso. O elenco está formado por Sheyla Fariña, Mela Casal, Neves Rodríguez e Raquel Crespo. No equipo artístico figuran Marta Alonso (movemento), Baia Fernández (caracterización), Alex Sampayo (vídeos), Laura Iturralde (iluminación e escenografía), Davide (espazo sonoro) e Toni Salgado (axte dirección). A produción é de Guillermo Carbajo e Alex Sampayo.

A función, organizada co apoio do Concello de Moaña, do Centro de Información á Muller e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ofrece unha ocasión para a memoria e a reflexión sobre a historia das mulleres que sufriron esta represión institucional.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *