Os actos centrais terán lugar o venres 25 de novembro, cunha concentración e declaración institucional, unha performance e a proxección dun filme
O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, presenta a programación polo Día Internacional Contra as Violencias Machistas, que estará moi centrada na sensibilización e de aí que se conte con accións nos centros educativos. Ana Isabel Otero, concelleira da área, apunta que “como xa vimos facendo ao longo dos últimos anos, cremos que é importante concienciar dende as idades máis temperás, e por iso teremos obradoiros tanto para primaria como secundaria”. Os obradoiros propostos son un contacontos feminista para infantil e primaria, do que poderá gozar o alumnado do Ceip Plurilingüe Torre Cela, Ceip Plurilingüe A Pedra, Ceip Plurilingüe Montemogos e CPR Virxe Milagrosa, mentres que os centros de secundaria, concretamente o IES Illa de Ons e o IES Johan Carballeira, terán a performance “A última cea”.
A programación arrancará xa esta fin de semana, coa ópera contemporánea “Papagena” de ButacaZero. Esta ópera electrónica en galego con perspectiva de xénero narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica que está inspirada nas persoas –paxaro da célebre A frauta máxica de Mozart. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes, que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.
A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que está a levar a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.
O 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas, a Praza Massó acollerá ás 12 horas unha concentración en repulsa das violencias machistas na que tamén se lerá o manifesto institucional con motivo desta data, que se centrará na reclamación de máis fondos para os Centros de Informacións ás Mulleres, posto que son o recurso primeiro que teñen moitas mulleres vítimas de violencias machistas. A continuación, ás 12.30 horas, está programada a performance “A última cea”, tamén na Praza Massó, aínda que se chove as actividades se trasladarán ao Centro Social do Mar.
E como xa vén sendo habitual nos últimos anos, o Cineclub Bueu tamén colabora coa programación desta data, e proxectará o mesmo venres ás 21.00 horas o filme “Unha moza prometedora”, que se poderá ver no Centro Social do Mar con entrada de balde ata completar capacidade. A película, dirixida por Emerald Fennell, conta a historia de Cassie, quen tiña un brillante futuro por diante ata que un desagradable incidente truncou a súa carreira. Agora nada na súa vida é o que parece: é intelixente, audaz e vive unha dobre vida de noite. Cassie ten a oportunidade de emendar todo o que non saíu ben no seu pasado, vingándose dos culpables.