Agustín participou nesta festa dende os 14 anos e elaborou os seus propios disfraces
Concello de Bueu rendeu este sábado homenaxe a Agustín Gutiérrez, unha das persoas da vila máis recoñecidas debido aos seus orixinais deseños do Entroido. No acto, celebrado no salón de plenos da Casa Consistorial, o alcalde da vila, Félix Juncal lembrou a labor intensa do homenaxeado e salientou que “moitas das persoas que estamos hoxe aquí quizais lembramos a felicidade que nos contaxiou Agustín”, nunha clara alusión aos disfraces que elaboraba con motivo do Entroido, mais tamén noutros momentos do ano como o Corpus ou os maios.
“A historia dos pobos constrúese a partir das experiencias que imos acumulando nas nosas vidas, e tamén grazas ás persoas que, como Agustín, forman parte dela”, subliñou Juncal, quen tamén destacou o traballo levado a cabo nestes últimos anos por parte do Concello para revitalizar o Entroido, “co que conseguimos unha simbiose perfecta entre a tradición e os novos tempos”.
Agustín Gutiérrez mostrouse emocionado e agradecido por esta homenaxe acordada no Comité do Entroido e dedicou unhas verbas á súa muller porque “sen ela non podería facer moitos dos disfraces”, apuntou. O homenaxeado lembrou os seus comezos con 14 anos nos bailes da mítica Sala Paraíso, e “dende aquela xa non parei ata hoxe”, declarou.
Previo ao acto institucional, as comparsas da vila interpretaron unhas pezas na Praza Massó e, xa no salón de plenos, as persoas asistentes puideron ver un vídeo dalgúns dos deseños máis recoñecidos de Agustín. Como lembranza desta homenaxe, o alcalde fíxolle entrega dunha réplica de Rosalía de Castro de Sargadelos.
Na homenaxe estiveron presentes Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Ricardo Verde, edil de deportes, Julio Villanueva, vicealcalde e voceiro de ACB, e Elena Estévez, voceira do PP. Moitas persoas, entre familiares e amizades, quixeron acompañar a Agustín Gutiérrez nesta tarde de sábado.