Ledicia e felicidade son dous termos que estiveron presentes este mércores no Concello de Bueu. O salón de plenos acolleu durante a mañá a visita do alumnado de 6º de infantil do CEIP Plurilingüe A Pedra. Este encontro organizouse para facer entrega do ‘Xogo dos Trasnos’, elaborado polos cativos e cativas deste curso e financiado polo Concello. No acto participaron o alcalde de Bueu en funcións, Félix Juncal, e a concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Silvia Carballo, quen fixeron a entrega das barallas correspondentes ao xogo.
Unha trintena de alumnos de 6º de infantil do colexio bueués trouxeron diversión ao Concello, pois a súa presenza desprendía ledicia ao seu paso. Á súa chegada, a rapazada mantivo unha conversa moi entretida co alcalde en funcións, o cal acolleu cos brazos abertos esta visita, expresando ao remate que “estou encantado de que esteades aquí”.
Os nenos e nenas xa acudiran ao Concello o mes pasado para presentar o proxecto deste xogo cooperativo e solicitar a colaboración do consistorio para converter a idea en realidade. Esta segunda visita cumpriu o soño dos alumnos e alumnas, pois recibiron o ‘Xogo dos Trasnos’ por parte do alcalde e da concelleira en funcións. Os minutos que estiveron na Casa do Concello foron memorables, polo que a entrega das barallas non foi menos, e todos os nenos e nenas se ergueron dos bancos para abrir a caixa e recoller o seu xogo. Unha das mestras quixo agradecer a implicación do Concello para dar vida a este proxecto e recoñeceu que sen a súa axuda non poderían elaborar o xogo. Como mostra de agradecemento, o alumnado outorgoulle cinco barallas para que os membros do Concello puidesen divertirse con elas. O ‘Xogo dos Trasnos’ é especial de por si, pois as cartas teñen ilustradas as caras de cada un dos nenos e nenas do curso.
Na visita, o alumnado narrou a súa primeira actividade realizada coas cartas. Cando recibiron as primeiras unidades do xogo, pensaron en compartir a experiencia lúdica cos maiores. Con ese fin, realizaron dúas xornadas de visitas, unha ao Centro de Día Contigo e outra ao Centro de Día Pescadoira. Nestes espazos divertíronse co ‘Xogo dos Trasnos’ e agasalláronlles unha baralla a cada un dos centros. Os nenos e nenas relataban moi contentos a experiencia, na cal foron obsequiados con xogos para a escola.