Presentación do xogo no Concello.

O xogo se distribuirá aos colexios para o traballo co alumnado

O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, elaborou un xogo da igualdade destinado aos centros educativos da vila. Esta iniciativa insírese na liña de colaboración establecida coa comunidade educativa porque, tal e como salientou Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, na rolda de prensa celebrada este venres, “as novas xeracións son o presente e o futuro e por iso propoñemos proxectos que traten a igualdade e que fomenten a reflexión”. Así, este xogo da igualdade, que foi deseñado pola empresa Andamiaxe con cargo aos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero do ano 2020, concíbese coma un xogo de mesa “lúdico, ameno e divertido” no cal as persoas participantes deben tratar de adiviñar unha serie de preguntas sobre conceptos básicos de igualdade de xénero, co fin de erradicar o sexismo na sociedade e previr as violencias machistas.

Deste xogo editáronse quince copias, das que se entregaron dúas a cada un dos centros educativos da vila, tanto de primaria (CEIP A Pedra, CEIP Torre Cela, CEIP Montemogos de Beluso, CPR Virxe Milagrosa) como de secundaria (IES Johán Carballeira e IES Illa de Ons). A través del difundiranse contidos básicos de xénero a través da teoría feminista, cuestións arredor da socialización e das identidades de xénero, a prevención da violencia de xénero, as alternativas coeducativas e a igualdade en Bueu.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, apuntou que “é unha ferramenta útil que permitirá incidir no futuro igualitario e feminista, e cambiar este presente e pasado negros”.

Pola súa banda, Montserrat González, directora do Centro de Información ás Mulleres, fixo fincapé na liña de colaboración cos centros educativos, pois “é importante traballar a coeducación dende as idades máis temperás para previr a violencia de xénero”.

Así mesmo, dende a concellaría de igualdade xa están traballando na programación de cara ao 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas, e que este ano presentará unha campaña de cápsulas informativas que se difundirán nas redes sociais e da que se fixo un avance aos centros educativos, concretamente de dous vídeos sobre a eliminación do sexismo nos videoxogos e sobre o uso responsable das redes sociais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *