O concurso pretende ser un escaparate para promover a creación artística entre os novos talentos, ademais de poñer en valor a figura do artista bueués José Benito Otero Baena
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este venres, 5 de maio, a reunión do xurado do I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis, no que se decidiron trece obras finalistas (e cinco de reserva) e que conformarán a exposición conxunta durante o mes de xuño na Sala Amalia Domínguez Búa. A xuntanza estivo presidida por Xosé Leal, concelleiro de cultura, e nela estiveron Covadonga López, directora do Museo Massó, Javier Pérez, da Fundación Laxeiro, Fruela Alonso e Eduardo Manuel Matamoro, da Facultade de Belas Artes, e Rosa Elvira Caamaño, artista canguesa.
O Concello de Bueu recibiu cincuenta e dous traballos artísticos no I Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis, de entre os cales o xurado decidiu as mellores propostas que conformarán unha exposición que estará aberta ao público durante todo o mes de xuño na Sala Amalia Domínguez Búa.
O xurado seleccionou para a mostra expositiva as trece obras tituladas como “Massó, mi recuerdo”, “Sobrevoo” “Sin título (de la serie Line Drawings)”, “Detalle”, “Las morenas”, “Familie Tijd”, Figuras de cuerdas”, “En la Banda del Río”, “Espazos ocupados” “Que”, “Puerto de Bueu”, “Glyph, 2023” e “Arranxo”; mentres que na reserva quedan as obras “Encuentro con Otero”, “O Muíño”, “Mididas”, “La mirada del pastor” e “Casa Massó”. A partir de aí os e as artistas presentaranas en formato físico no Concello de Bueu antes do 20 de maio, solicitando cita previa para a entrega presencial a través do correo comunicacion@concellodebueu.gal, ou ben a través de envío con axencia de transporte ao enderezo Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti nº8 Bueu.
A exposición poderase ver ao longo de xuño, e a finais dese mes, nunha data próxima á do nacemento do pintor homenaxeado, organizarase a gala de entrega do premio á persoa que resulte gañadora dun premio dotado con 1.500 euros.
Este certame foi creado co obxectivo de fomentar a creación artística entre artistas noveis, e tamén como unha forma de dar a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena, máis coñecido como “Pepé”.
José Otero Baena faleceu no ano 2017 e era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática.