Visita do alcalde de Bueu á senda do río Bispo.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, realizou este xoves unha visita xunto á empresa adxudicataria á senda do río Bispo, concretamente entre o lavadoiro da Portela e o Valado. A ampliación desta ruta comezará nas próximas semanas por parte da empresa EC Casas, e permitirá a mellora dun percorrido con moito valor cultural, patrimonial e etnográfico. Tal e como apunta o rexedor e encargado da área de obras e servizos, “esta actuación, que se levará a cabo no marco das subvencións do Plan Concellos 2020, é un proxecto de grande interese para a cidadanía e do que xa comprometeramos a súa execución nunha reunión coa veciñanza a comezos do verán”.

A mellora da senda rural do río Bispo vai ser unha das actuacións prioritarias do goberno na zona do Valado, e permitirá acondicionar máis dun quilómetro de camiño ata o lavadoiro da Portela, dando continuidade así ao tramo urbano que se preparou hai uns anos. Cun orzamento de 39.898,10 €, a obra incluirá traballos de limpeza e preparación do camiño con xabre, e a colocación de paneis interpretativos e báculos de distancias. Como apuntou Juncal, “o obxectivo é revalorizar este espazo que se utilizaba como punto de reunión cando se lavaba a roupa e se mazaba o liño”.

O río Bispo é a principal arteria fluvial de máis longo percorrido, e con moita transcendencia por diversos lugares da vila, como mostra a súa variada toponimia: río Frade, Canudo, Portela… Ao longo do seu trazado, aparece unha numerosa cantidade de elementos patrimoniais como muíños, fontes e lavadoiros, que mostran a riqueza e produtividade dun territorio sabiamente explotado pola sociedade tradicional da que formaban parte os devanceiros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *