O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este venres a mesa xeral de negociación na que se aprobou a Oferta de Emprego Público (OPE) 2023. Na mesa, que estivo presidida por Silvia Carballo, concelleira de promoción económica, turismo e recursos humanos, deuse conta do que vai ser a oferta de emprego do Concello coa que se reforzarán o conxunto dos servizos públicos.
Así, esta oferta inclúe doce prazas, divididas entre promoción interna e libre acceso. Nas primeiras inclúense as de oficial condutor mecánico, oficial de obras, oficial electricista, administrador mercado, xefe negociado de intervención, e policía local; mentres que nas de libre acceso están as de conserxe notificador, condutor varredora, e catro de policía local.
Félix Juncal, alcalde da vila, e a concelleira da área Silvia Carballo, salientan que “con esta oferta vanse cubrir as prazas que foron quedando vacantes nos últimos anos e que non se puideran cubrir antes por restricións legais”. Así e todo, coa aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) no 2022, habilitouse unha solución para a cobertura destas prazas e coa creación de novas que foron xurdindo tras as necesidades dos últimos anos, e cuxo proceso se comezou xa en agosto do pasado ano co proceso de estabilización laboral e no que se incorporaron dezasete novas persoas ao servizo de limpeza municipal. Agora, tras a mesa de negociación, e de cara ao novo ano, vaise continuar coas prazas anteriormente citadas, o que, en palabras do goberno local, “redundará nun reforzo notable dos servizos públicos municipais”.