A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, acompañou aos membros da agrupación, dous deles de Marín, na presentación esta mañá na Alameda. A mestura do disco tamén foi feita na nosa vila, nun estudo ubicado en San Xulián
A vila de Marín sempre se caracterizou polo seu pulso cultural e por ser o berce de
grandes artistas. Por iso, non é de extrañar que dous marinenses formen parte
dunha nova aventura musical, a da banda Blue Merrow, que vén de sacar o seu
primeiro CD, presentado esta mañá na Alameda xunto coa concelleira de Cultura,
Beatriz Rodríguez.
Damián Garrido (letrista, vocalista e percusionista) e Angel Olañeta (guitarra
solista) son a representación marinense da formación. O resto do grupo intégrase
por Ángel Vejo (teclista e organista), Diego Hernán Ruiz (baixo) e Alberto Cid
(batería).
Levan sobre dous anos de percorrido, traballando, ensaiando e compoñendo os
temas deste primeiro album, que foi mesturado tamén en Marín, en Zoilo Unreal
Studios, ubicado na parroquia de San Xulián.
Tal e como explicou Damián, “o estilo do grupo tende cara os 70 e nótase a
influencia que temos de bandas como Camel, Purple…”. Algúns dos integrantes
de Blue Merrow xa viñan doutras formacións musicais, como Marvel Pop, pero foi
desta vez cando atoparon as pezas para formar o puzzle musical que tiñan na
cabeza. “Todos viñamos doutros grupos e cando nos coñecimos, decidimos xuntarnos e poñer en común un estilo e unha intención concreta. O resultado
está neste CD”, explica Ángel.
Teñen como obxectivo poder sacar algunhas copias en vinilo para os amantes deste formato. De momento, xa está dispoñible o CD na tenda Elepé de Vigo e
próximamente en Tropa de K, na nosa vila (empresa encargada tamén do deseño
da carátula). Ademais, pode escoitarse en dixital en todas as plataformas.
“É unha oportunidade para incentivar a outras persoas”
“O que nós facemos é tratar de que a xente de Marín coñeza aos grupos que
nacen e se desenvolven aquí e sobre todo tamén incentivar que máis xente se
anime a levar adiante iniciativas coma esta”, explicou a concelleira durante a
presentación do disco da banda.
Aínda que, como a Blue Merrow, moitas bandas e entidades culturais viron freada a súa actividade pola pandemia, “tamén foi un momento no que poder escribir, compoñer, repensar os eventos e maquetalos doutro xeito…”. A edil anima a todo o mundo a escoitar o disco do grupo “para que coñezamos que é o que temos aquí, na nosa vila”.
Concerto no verán en Marín
O primeiro concerto de Blue Merrow será o 24 de marzo na sala La Iguana e xa
teñen varias datas pechadas en distintos puntos de Galicia para os próximos meses.
Marín será unha parada obligatoria para o grupo no verán, momento no que hai
unha intensa programación cultural na vila.