Alcaldesa e concelleira na presentación do cartel.

A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, presentaron a imaxe de Nadal, na que destacan o Palco da Música, a fachada do Concello, da porta da Escola Naval e a coroa de luz, o elemento de alumeado que se colocará este ano na rotonda da Praza de España

As tradicionais casetas de madeira da Alameda cos mercadiños, o Palco da Música da Alameda, a fachada da Casa Consistorial e a imaxe da porta da Escola Naval tras a farola da Praza de España son os elementos identificativos do cartel do Nadal de Marín, “un cartel moi noso e que nos identifica”, en palabras da
alcaldesa, María Ramallo, que presentou a imaxe destas festas xunto coa concelleira Marián Sanmartín.

A ilustración é obra de Blanca Millán, artista de Touro, “que entendeu á perfección ese carácter local e emotivo que lle queríamos dar á imaxe que engalanará unha programación pensada para facer voar a maxia durante esta etapa tan bonita do ano”, asegurou a rexedora.

Con respecto á programación, a edil de Festas explicou algúns cambios que haberá con respecto a outros anos: “En vez de ter unha carpa infantil na Alameda e unha xuvenil no Eguren, centralizaremos ambas nunha máis grande neste último lugar, xa que a Alameda converterase nun precioso poboado de Nadal, que serverá como lugar no que facer concertos, actuacións…”.

O programa completo poderá verse a partir da semana que vén a través da web municipal e tamén se comezará repartir en programas de man. A data máis esperada é a do acendido do alumeado de Nadal, que será o xoves 5 de decembro, e estará acompañado desta vez polo Coro de Cámara Thalassa, que durante todo este ano celebrou 30 anos de historia.

“En xeral, tratamos de crear unha programación pensada para todas as persoas, para todas as idades e que englobe tamén todas as iniciativas do tecido social e cultural da nosa vila, que enriquece enormemente estas datas”, engadiu a rexedora.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *