Os cachorros, dos que desgrazadamente un faleceu, están a cargo da asociación Respeta, rescata, protege y adopta, que contará coa axuda municipal para a súa manutención. O Concello condena o feito
“Unha condea brutal e rotunda ante situacións coma estas”. Así se expresou este mediodía a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, tras a aparición dunha camada de cinco gatos que foron arroxados a un colector cercano á Praia de Portocelo, no Vial de Praias.
O Concello foi coñecedor desta situación ante a chamada dunha persoa particulará Policía Local, trasladando a situación ao departamento municipal, que deu o aviso a un operario para que acudise ao rescate dos felinos. Desgrazadamente, non foi posible rescatar con vida a todos, xa que un dos gatiños xa falecera no momento do rescate. Foron trasladados a unha voluntaria da asociación Respeta, rescata, protege y adopta, que se encargará do seu coidado co apoio económico do Concello para a manutención das crías.
Sanmartín condenou “que a día de hoxe sigan sucedendo estas cousas” e lembra que o benestar animal é un dereito regulado por unha lei estatal, en cuxa aplicación o Concello segue traballando para tratar de atallar situacións coma esta da mellor forma posible.