Unha proba piloto na residencia da Estrada demostrou que mediante a instalación dun sistema de sensores pódense previr posibles enfermedades ou detectar caídas dos usuarios para atendelas dunha forma rápida e eficaz
Di o refraneiro que só hai que mirar para atrás para ver o lonxe que chegamos e, unha vez máis, non hai quen lle quite razón. Se a pandemia foi un duro golpe para a sociedade, tamén supuxo un reto en materia tecnolóxica con repercusión directa no benestar da cidadanía, no laboral e no ámbito social. Un exemplo importantísimo é o que incumbe ás residencias de maiores integradas na rede pública da Xunta de Galicia. A partir dos próximos meses todas converteranse en intelixentes. É dicir, integrarán un conxunto de avances tecnolóxicos que permitirán que os usuarios gañen en seguridade e confort para que estas instalacións públicas fáganlles sentir tan cómodos e atendidos como o estarían nos seus propios fogares e en compañía dos seus familiares.
A semente sementouse hai dous anos no centro da Estrada (Pontevedra) convertendo a esta residencia nun banco de probas mediante a instalación de sensores nas habitacións que permitiron detectar situacións de risco e, mesmo, alertar sobre incipientes enfermidades. Tamén se colocaron medidores de temperatura e humidade mediante os cales se realiza un control exhaustivo das medicións e, en caso de estar fóra dos estándares recomendados, poder mandar unha alerta advertindo do risco para o usuario. Pero non só isto, estes avances tecnolóxicos tamén permiten informar mediante alarma dunha posible caída da cama, do abandono da estancia en horario nocturno ou de que puidese estar a se producir un problema de saúde porque o usuario acode demasiadas veces ao baño. Ademais, habitacións e control do centro tamén están conectados directamente ante calquera necesidade que poida xurdir.
As probas realizadas ata o de agora no centro da Estrada demostraron que estas habitacións intelixentes son posibles, eficaces e que o sistema está listo para ser implantado no resto da rede de centros públicos de toda a comunidade. A Xunta prevé facelo nos próximos meses na súa aposta por deseñar residencias máis seguras, humanas, acolledoras e confortables.
Política Social no rural galego
Esta foi a súa premisa con anterioridade á pandemia e na que seguiu traballando máis intensamente desde marzo de 2020. Tanto é así que Galicia logrou converterse na comunidade autónoma coa taxa de mortalidade máis baixa de toda a Península. Pero a política social de proximidade desenvolvida pola Xunta con especial atención no rural vén de moito máis atrás. En 2019 creou as casas do maior distribuídas por toda Galicia e coas que se atende xa a 500 persoas do rural de forma gratuíta; e mantén en funcionamento, con máis de 50.000 atencións acumuladas, o programa Coidados porta a porta con oito unidades móbiles percorrendo continuamente a xeografía galega para prestar servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.