Unha cata para medir a calidade dos caldos de adegueiros e colleiteiros; a música de Treixadura e da Escola da Banda de Música de Vilaboa completan o programa
As palilleiras de Figueirido, auténticas artesanas do século XXI, estarán esta fin de semana na carpa que se instalará en Riomaior para acoller a XI Festa do Viño. Palillos, fíos, agullas, mundillos, moita destreza,
creatividade, paciencia e concentración facilitarán que estas mulleres de Vilaboa capten co seu bo facer a atención de quen se achegue ao recinto da festa para degustar os caldos da IXP do Morrazo e dos adegueiros locais.
As palilleiras farán tamén unha exposición dos seus traballos no stand da carpa que complementará a presenza en Riomaior dos artesáns locais. As casetas adquiridas polo Concello a finais do 2021 con motivo do primeiro Mercadiño de Nadal volverán acoller a Laura Filgueira con ERRE3; Carmen Castro con Cachiboreta e Obradoiro Hedra.
O goberno local complementa así, cun escaparate da artesanía local, o programa da Festa do Viño de Vilaboa que terá lugar esta fin de semana os días 11 e 12 de maio debaixo do viaduto de Riomaior. Nesa explanada
instalarase a carpa que acollerá os stands de adegas da IXP do Morrazo e de colleiteiros locais que aproveitarán o evento para dar a coñecer a singularidade dos seus brancos e tintos.
Elisa Ruibal García «Casa da Boullosa»; Manuel Collazo Fernández; Jesús Amoedo Leiro «Casa da Torre»; Martín Torres González “Casa Cañoteira”; Nilda Alvariña, Furancho Antonio, Furancho de Jorge, Adega Ardán (Marín) e «Adega
Os Areeiros» exporán os seus viños que poderán degustarse nunha copa editada polo Concello para esta ocasión e serigrafiada co logo da Festa e que poderá adquirirse ao prezo de 3 euros, retornables en caso de devolvela en perfectas condicións. Postos de comida (polbo, churrasco e ostras), e tamén de doces, acompañarán aos bos viños locais nunha programación que arrancará o sábado de 12 a 24 horas e o domingo de 12 a 17 horas e na que a promoción dos caldos estará arroupada por actividades culturais e unha potente proposta musical, co concerto de Treixadura ás 22 horas do sábado e a actuación da Banda da Escola de Música de Vilaboa ás 12.30 horas do domingo. Tras este concerto terá lugar a entrega de distincións aos gañadores das catas e será o turno de Oswaldo García, reporteiro no que este ano recae a lectura do pregón.
Tanto o alcalde, César Poza, como a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, convidan á veciñanza a acudir a esta festa de promoción dos viños locais e animan aos residentes no entorno a facelo camiñando, para evitar colapsos de tráfico.