O Auditorio de Cangas.

A Semana de Cine celébrase do 4 ao 11 de outubro, ofrecendo unha variada programación de cinema galego, internacional e familiar

Minutos antes de que se acenderan as luces no Auditorio Municipal de Cangas, a expectación era palpable entre o público asistente. A XIX Semana de Cine de Cangas arrincou cunha presentación oficial a cargo da organización do evento, seguida das intervencións dun representante do Concello de Cangas e da actriz Andrea Varela, quen foi a encargada de introducir a película de apertura, As Neves. Con só 20 anos esta estudante de Filoloxía Galega en Santiago debutou na gran pantalla co thriller dirixido por Sonia Méndez, que segue a desaparición dunha adolescente nunha pequena aldea de montaña durante un temporal de neve que deixa o pobo illado e saca á luz os segredos dos seus habitantes.

Tralo acto inaugural, a proxección de As Neves mantivo o público en tensión, e ao finalizar o filme, Andrea Varela volveu ao escenario para participar nun coloquio, onde compartiu detalles do proceso de rodaxe e respondeu ás preguntas dos asistentes. Con esta intensa primeira xornada, a nova edición da Semana de Cine comezou baixo o lema «Viaxe a Ítaca, unha viaxe de ida e (poida que) volta ás illas persoais«.Organizada polo Cineclub Cangas e promovida pola Asociación Cívico-Cultural Xiria, a Semana de Cine está xa consolidada como unha cita imprescindible na axenda cultural das Rías Baixas. Ata o 11 de outubro, o festival ofrecerá trece proxeccións que mesturan cine galego, internacional e propostas familiares, convertendo a vila de Cangas no epicentro cinematográfico da comarca.

Programación

sábado proxectarase a película de animación francesa Sirocco e o Reino dos Ventos, dirixida por Benoît Chieux, ás 18:00 horas, seguida do drama xaponés O mal non existe, ás 21:00 horas. O domingo, o público poderá gozar de Fogos artificiais, unha historia de amor ambientada na Sicilia do 1982.

lunsO monxe e o rifle mergullará aos espectadores na cultura butanesa a través dun relato humorístico e político; mentres que o martes será a quenda das curtametraxes galegas na sección “Galicia en Curta”, unha oportunidade para descubrir o talento galego emerxente. O mércores, as actividades estarán dedicadas ás escolas con Dounia e o eco do tambor, un filme que aborda a inmigración e a multiculturalidade dende unha perspectiva infantil.

xovesLuzzu, un aclamado filme maltés, explorará os desafíos dun pescador nun ecosistema en perigo; e, finalmente, a Semana pecharase o venres co documental galego Chichi e máis eu, dirixido por Nico Campos, que investiga a vida do pioneiro do cómic galego Xesús Chichi Campos. Ao finalizar a proxección, o director participará nun coloquio co público, proporcionando un espazo de diálogo sobre a vida e legado deste artista.

As proxeccións terán lugar cada día ás 21:00 horas no Auditorio Municipal de Cangas, agás as sesións especiais para escolas e familias, que se realizarán pola mañá e pola tarde. Para máis información sobre a programación e a reserva de entradas, pódese consultar a web oficial do Cineclub Cangas (www.cineclubcangas.gal)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *