A Asociación do Museo do Mar de Marín homenaxeará o vindeiro día 24 aos homes e mulleres do mar. O festival foi presentado polos representantes da asociación, Puerto Pérez e José Pérez, e polas concelleiras Marián Sanmartín e Itziar Álvarez.
O festival comezará cun acto pola mañá ás 12.30 horas na Praza 8 de Marzo ca presentación dun espazo efímero, que contará cunha creación da Asociación de Alfombristas de San Martiño, de Moraña, e cunha obra de plástico reciclado, “Inmigración pola supervivencia”, dos artistas Cristina Pino e Gustavo Suasnábar.
Nese acto, faráselle unha homenaxe a Luís Gómez Area, patrón de flota pesqueira que co seu traballo colaborou en facer grande o noso porto de Marín. Despois, pola tarde, o acto comezará ás 18.30 horas na Alameda Rosalía de Castro coas actuacións de Máis Cantos e unha gala presentada por Nelson Quinteiro, na que se proxectarán vídeos de catro homes e catro mulleres do mar.