A recepción técnica da obras terá lugar o vindeiro martes 21 e a inauguración oficial prevese para o 7 de novembro
O Concello devolve a Moaña unha parte esencial da súa historia coa recuperación das carpintarías de ribeira da Seara, un proxecto que rescata o espírito mariñeiro da vila e o transforma nun espazo de futuro. Os históricos estaleiros de Carlagho e Casqueiro, testemuños dun pasado no que o oficio e a vida mariñeira marcaban o ritmo da vila, están listos para abrir ao público tras a finalización das obras de rehabilitación. Tras realizarse a acta de recepción técnica da obra o vindeiro martes 21 de outubro, o venres 7 de novembro celebrarase a inauguración oficial cun acto que contará con autoridades, persoas vencelladas ás carpintarías tradicionais e veciñanza.

O proxecto, cofinanciado polo GALP Ría de Vigo – A Guarda, a Deputación de Pontevedra a través do programa PON2030 e con fondos propios do Concello, supuxo un investimento de preto dun millón de euros. Grazas a el, na carpintaría de Casqueiro recreouse a súa configuración orixinal, restaurando a estrutura orixinal de madeira e os seus característicos pórticos, para convertelo nun espazo multifuncional, expositivo, museístico e cultural no que manter viva a memoria das mans que traballaron nas embarcacións tradicionais. Pola súa banda, a carpintaría de Carlagho adaptouse para acoller actividades, visitas guiadas e eventos que teñan como obxectivo preservar e transmitir o legado mariñeiro da vila.
As carpintarías de ribeira da Seara acollerán tamén unha exposición permanente sobre a súa historia, que funcionará como fondo museístico e didáctico do novo espazo, permitindo coñecer de preto o traballo artesanal e a importancia dos oficios vencellados ao mar.
“Este proxecto é unha forma de devolver á veciñanza un espazo no centro, pegado ao bordo litoral, recuperando un lugar icónico dentro da historia do noso concello e convertendo toda a contorna da Seara nun espazo de estancia, convivencia e lecer no que seguir poñendo en valor o noso patrimonio marítimo”, subliña a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos Paz.
Ademais da rehabilitación das carpintarías de ribeira da Seara, o Concello tamén está levando a cabo a adecuación de toda a contorna deste novo espazo, xerando unha nova praza peonil que está a transformar parte da Avenida Concepción Arenal, creando unha zona de encontro, convivencia e lecer fronte ao mar no en pleno casco urbano.
Pola súa parte, a concelleira de Muller, Memoria Histórica e Patrimonio, María Ortega, destaca que “esta actuación é unha mostra do compromiso de Moaña coa súa memoria viva, coa recuperación do noso patrimonio material e inmaterial e coa posta en valor da cultura mariñeira que nos define como pobo”.
A recuperación deste espazo emblemático tamén supón un impulso ao turismo sostible e de calidade, ligado ao patrimonio pesqueiro e á divulgación das tradicións marítimas de Moaña, facendo visible o papel das mulleres no sector e reforzando a identidade mariñeira que distingue ao municipio.