A protección e a posta en valor dos nosos elementos patrimoniais é fundamental para coñecer a nosa historia como vila. Dous deses elementos, a fonte e o lavadoiro de Mogor, comezarán mañá a súa restaruación. Así o anunciou o edil de Medio Rural, Pablo Novas, que esta mañá mantivo unha reunión a pé de obra coa empresa Construcciones Lemos Martínez, executora dos traballos. Tanto o lavadoiro como a fonte son elementos etnográficos catalogados que a día de hoxe seguen sendo moi utilizados pola veciñanza da zona e doutros lugares, tanto para recoller auga como para lavar.
A día de hoxe, tanto o propio lavadoiro como a contorna están en condicións de mellora, para poder poñer aínda máis en valor este espazo e os seus elementos, referentes da parroquia de Mogor. Por iso, o Concello impulsou este proxecto de restauración, co que se desmontará a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario. Sobre ese espazo único, volverá colocarse o lavadoiro e renovarase toda a cuberta.
“En todo momento, restauraranse os elementos catalogados, pero facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética”, pode lerse na memoria do proxecto.
No que respecta ao terreo anexo, recuperarase o camiño peonil para que poida servir de fondo ao lavadoiro e á fonte. Tamén se instalará unha iluminación adaptada e que poida poñer en valor os elementos, destacándoos e dándolles visibilidade e colocarase mobiliario urbano acorde co lugar.
En total, a superficie sobre a que se intervirá é de máis de 500 metros cadrados e a inversión prevista é de 105.340,17 euros.