O incendio ocorreu nunha vivenda situada na rúa dos Héroes de 1617, en Cangas e, únicamente, afectou a un cuarto da vivenda. Resultaron danadas as cortinas e unha cadeira de rodas que había no interior da estancia.
Unha muller foi quen, ao fío das sete e cuarto desta mañá, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que comezara a arder na habitación do seu home. Pensaba que, ela mesma, dera extinguido as lapas coa axuda de toallas molladas pero, aínda así, solicitaba asistencia para o seu home, que se atopaba encamado.
Así, decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que derivaron unha ambulancia ata o lugar. Do mesmo xeito, foron informados os Bombeiros do Morrazo que, tras chegar, confirmaron que o lume xa fora extinguido case na súa totalidade polos particulares. Iso si, indicaron que a persoa que estaba encamada precisou ser trasladada nunha ambulancia dos servizos sanitarios, ao presentar síntomas de intoxicación. Así mesmo, a súa dona, foi igualmente derivada ao centro hospitalario tras presentar os mesmos síntomas, derivados da inhalación do fume que provocou o lume mentres trataba de extinguilo.
Ademais do persoal sanitario e dos Bombeiros, os xestores de emerxencias deron conta dos feitos aos axentes da Policía Local.
Unha vez ventilada a vivenda, os profesionais de extinción deron por rematado o seu traballo.