O Pleno da Corporación celebrado onte aprobou iniciar o expediente para propoñer o nomeamento da Princesa de Asturias, S.A.R. Leonor de Borbón e Ortiz, como Filla Adoptiva.
Tal e como explicou a alcaldesa da vila, María Ramallo, “Marín ten un forte vínculo establecido coa Casa Real por ser sede da Escola Naval Militar, onde a Princesa, así como fixo no seu día seu pai, o rei Felipe VI, está a realizar unha parte da súa formación castrense. Ese vínculo marca toda a súa traxectoria, así como o que lle une a outras cidades nas que se formou e formará”. Ramallo asegurou que “para nós como Concello é un orgullo, como xa foi no seu día co actual rei, poder outorgar esta distinción”.
Posteriormente, publicarase no Taboleiro de Anuncios na Casa Consistorial e na Sede Electrónica para que estea dispoñible para a cidadanía. Despois, aprobarase definitivamente o expediente e marcarase unha data para o acto de nomeamento, “un acto de moita importancia para o noso Concello”.
“Poder participar nunha academia de alto rendemento como é a Escola Naval, que tamén é campus da Universidade de Vigo, tal e como está facendo a Princesa e todos os seus compañeiros e compañeiras de promoción é un privilexio ao que se chega con moito esforzo e adicación académica”, engadiu a rexedora.