O salón de plenos da Casa Consistorial de Bueu acolleu este luns, 7 de novembro, unha sesión plenaria na que se aprobou por unanimidade unha moción presentada polo BNG en defensa da frota galega fronte ao novo regulamento imposto pola Comisión Europea. Xosé Leal, voceiro do BNG, foi o encargado de dar lectura ao texto, que fai fincapé nos aspectos negativos dun regulamento que non se consensuou co propio sector e que supón un novo golpe “que se engade ás limitacións de TACs e cotas de pesca, ao impacto derivado do Brexit, ou á aplicación das medidas de conservación e dun regulamento técnico e de control, que viñeron a limitar e dificultar a faena da frota galega”.
Este regulamento afecta a varios centos de barcos galegos e ameaza millares de postos de traballo, tamén na vila de Bueu e a comarca do Morrazo “que son unha zona que aporta moitos mariñeiros para os distintos caladoiros de altura, e que verán mermadas as súas posibilidades laborais nun momento de gran complicación”. Ante iso, a moción insta á Xunta de Galicia para que convoque con carácter inmediato o Consello Galego de Pesca co fin de organizar unha resposta unitaria de todo o sector do mar e de todo o tecido social do país, así como á defensa da frota galega da pesca de artes de fondo en todos os foros, entre outras.
Pola súa banda, ao goberno español reclámaselle que despregue todas as accións que como estado membro poida exercer para lograr a anulación do regulamento imposto pola Comisión Europea, esixir no inmediato unha moratoria na aplicación do mesmo, e establecer medidas compensatorias dialogadas co sector afectado. No debate, Elena Estévez, voceira do PP, apuntou que “o noso grupo votará a favor porque, aínda que haxa cuestións da moción coas que non estamos de acordo, si que consideramos prioritario apoiar ao sector”. Pola súa banda, Julio Villanueva, dende ACB, destacou que “é fundamental que se defensa a pesca galega”.
Estudo da chimenea de Massó
Outra das mocións que se trataron na sesión foi unha presentada polo PP na que se instaba ao goberno local a realizar un estudo da cheminea da antiga fábrica de Massó e a adoptar as medidas necesarias para garantir a súa integridade. Neste sentido, a voceira popular, Elena Estévez, incidiu en que “a moción resolle o sentir noso e dalgunha veciñanza que está preocupada polo estado da base, polo que estaría ben unha valoración técnica para analizar as gretas”. En relación con iso, Martín Villanueva, concelleiro de Urbanismo, aclarou que “estamos diante dun ben de titularidade privada aínda que se sitúe nun espazo público, polo que nós non podemos proceder a actuar sobre ela”.
José Manuel Vilas, dende as filas do PSOE, destacou que “aínda que non sexa propiedade municipal, está nun sitio público e habería que facer algo no caso de que supoña algún problema para a seguridade”. Pola súa banda, Julio Villanueva, dende ACB, interveu para apuntar que “este é un símbolo fascista, que representa a un dos maiores caciques da vila”. E xa ao remate falou o alcalde para lembrar a xénese da instalación da cheminea na Praza Massó no 2005, pois “nós, o BNG, estabamos a favor de que se conservase a cheminea, pero tamén os metros cadrados que nos correspondían para un dotacional, algo que o PP reduciu notablemente a través dun convenio posterior, que supuxo adoptar decisións moi negativas para os intereses do Concello”.
O rexedor remarcou que “se hai situación de risco, dende o Concello advertiremos á propiedade a través dunha orde de execución, tal e como fixemos noutras ocasións semellantes”. A moción non saíu adiante, pois contou cos votos a favor do PP e PSOE, e en contra do BNG e ACB.
O pleno de onte tamén serviu para aprobar por unanimidade a Conta Xeral do Concello no ano 2021, un trámite administrativo ao que cómpre dar cumprimento anualmente.