O concelleiro Pablo Novas supervisando os desbroces.

Actuouse en 32 núcleos de poboación e agora pasarase a actuar en seis zonas montañosas que teñen terreos públicos

O Concello de Marín vén de rematar as zonas do seu Plan Anual de Desbroces, despois de pasar polos 32 núcleos que compoñen a zona 4: Carballal, Igrexario de San Xulián, Grela, Bouza, Pena, Caeiro, Coirados, A Roza, Vista Alegre, Macenlle, Moreira, Pardavila, Fixón, O Pozo, Cadrelo, O Pereiro, Silvestre, Troncosa, Esperela, Ruanova, Sobreiras, Ameal, Oubiña, Currás, A Torre, Cernello, Igrexario de Santo Tomé de Piñeiro, O Coto, Allariz, Miñán, Candóns e Pastoriza.

A planificación dos traballos responde a criterios de necesidade, considerando o calendario festivo da localidade, a tempada alta de praias e a prevención de incendios.

Agora, será o momento de actuar nos montes municipais, entre os que están os Montes do Barrio de Mogor, o Monte Pituco, o Monte Casal, o Cruceiro do Vento, o Monte Teixugueiras e o Monte Castro da Subidá.

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, quixo facer un balance de todo o plan anual, xa que “é moi grande o esforzo que se fai para poder ter a punto entre a primaveira e o verán todos os núcleos de poboación do termo municipal. A extensión na que se actúa é moi grande e supón unha importante inversión”.

Novas lembra que se actúa tanto con brigadas de desbroce a pé como con tractores, polo que se chega a todos os viais municipais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *