O xurado na deliberación no concello de Bueu.

Antía Yáñez resultou gañadora do XIX Premio Johan Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu con “A saúde mental en Galicia, en bragas’, publicada na revista Luzes e que destacou de entre as dezaseis obras presentadas.

O xurado, que se reuniu na tarde deste martes, 3 de maio, coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa, estivo conformado polas xornalistas Cláudia Morán Mato, Marta Veiga Izaguirre (gañadora da pasada edición do certame), e Manuel A. Mosteiro García, en representación da Asociación de Amigos de Johan Carballeira.

Na acta, o xurado salientou que “esta crónica xornalística vincula o persoal e o político, pois parte dunha vivencia propia entroncando coas opinións de profesionais e doutros doentes de forma fluída”. Así mesmo, “visibiliza o tema das enfermidades mentais, de urxente atención e agravadas pola pandemia, e da problemática que supón ter que enfrontarse a un profesional diferente cada vez que abres a porta da consulta”, sen esquecer “que o remate desta crónica, a pesar de ser breve, é moi expresivo e contundente”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *