Os servizos da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo están dispoñibles na Casa da Aldea de Meiro, nun local cedido polo Concello de Bueu
A Asociación de Familiares de Persoas Afectadas de Alzheimer do Morrazo (Afamo Morrazo) inaugurou este xoves, 3 de marzo, a súa nova sede en Bueu, que se sitúa na Casa da Aldea de Meiro. Ao acto asistiron Ana Isabel Otero Pastoriza, concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Bueu, Agustín Gallego, edil de Mocidade, e Elena Estévez, voceira do PP.
Dende a directiva e o persoal psicolóxico da entidade impartiuse unha charla relacionada co impacto da Covid-19 en canto ao illamento e á soidade. Nesta sede, que xa está en funcionamento, habilitaranse servizos para as persoas afectadas, a través da unidade terapéutica de demencias, que consiste na realización de actividades específicas e individualizadas destinadas a persoas con deterioro cognitivo ou afectadas dunha demencia máis leve e que ten como fin rehabilitar ou enlentecer a progresión do deterioro das capacidades cognitivas, físicas e sensoriais. As familias serán outro dos eixos fundamentais de atención da entidade, que conta cun programa de apoio psicolóxico á persoa coidadora, con posibilidade de atención presencial nos domicilios ou telefónica, un programa de asesoramento e orientación ás familias, outro de acompañamento na enfermidade ás familias dende o inicio da enfermidade, e un programa de formación especializada. A comunidade será o terceiro eixo, e a entidade ofrecerá propostas relacionadas co envellecemento activo ou un servizo telefónico de atención permanente, entre outras.
AFAMO constitúe a única entidade de referencia no eido das demencias da comarca do Morrazo que ofrece unha resposta integral a través do desenvolvemento de programas específicos de intervención coas persoas afectadas de Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas, coas súas familias e coa comunidade en xeral. Tal e como salientou o alcalde, “é importante que o gran traballo social de AFAMO conte co apoio das institucións públicas, e por iso contan co compromiso do Concello de Bueu”.
Esta nova sede abrirá de luns a venres polas mañás (de 10.00 a 13.00 horas) para desenvolver os traballos coas persoas usuarias, ás que lles realizará un estudo previo para coñecer o seu estado, e os martes e xoves tamén en horario de tarde para as charlas formativas e os talleres de envellecemento activo. Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo (AFAMO) Afamo botou a andar no ano 2000 co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por unha demencia e as súas familias. Coas súas múltiples actividades, buscan contribuír ao benestar das persoas afectadas de demencia e das súas familias, a través dunha atención integral e especializada, promovendo o envellecemento activo e a prevención, proporcionando recursos e servizos que respondan ás súas necesidades buscando unha maior implicación da sociedade.
Actualmente prestan servizo a máis de cen persoas usuarias dos concellos de Cangas, Moaña, Bueu e Vilaboa. As persoas que queiran máis información, poden contactar coa entidade a través do enderezo electrónico afamo@afamomorrazo.es ou nos teléfonos 986313761 e 661348755.