A Xunta de Galicia abriu hoxe ao público a nova sala de arqueoloxía do Centro de Interpretación de Ons, o primeiro museo dedicado a poñer en valor e divulgar os principais restos patrimoniais, arqueolóxicos e etnográficos atopados na illa no marco das escavación realizadas nos últimos anos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, inaugurou a exposición esta mañá acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e do director conservador do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández.
Durante a visita, a responsable autonómica salientou que grazas aos traballos arqueolóxicos impulsados polo seu departamento nos últimos anos e executados polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, encabezado polo arqueólogo Adolfo Fernández, hoxe é posible “reconstruír” parte da historia do arquipélago e do modo de vida e costumes dos seus primeiros habitantes.
A través dos achados que se expoñen agora nesta exposición “gratuíta e permanente”, Ángeles Vázquez sinalou que hoxe sabemos que os antigos poboadores de Ons mantiveron relacións económico-comerciais con territorios máis afastados, que comían en vaixela fina elaborada no norte de África ou que a illa foi un importante complexo industrial romano de salgaduras de peixe e de elaboración de tintura púrpura.
De feito, lembrou que unha das primeiras accións realizouse na praia de Canexol, onde o equipo de arqueólogos ao cargo da escavación identificou un vertedoiro con cunchas de múrices, un molusco que se usaba antigamente para producir tintura de cor púrpura.
![](https://morrazonoticias.com/wp-content/uploads/2024/03/240325-AVM-VISITA-ONS-4-1024x683.jpg)
![](https://morrazonoticias.com/wp-content/uploads/2024/03/240325-AVM-VISITA-ONS-1-1024x683.jpg)
Trátase dun descubrimento de gran importancia xa que o de Ons é o primeiro taller deste produto documentado en toda a Península Ibérica, motivo polo que se decidiu denominar vía dos Múrices á ruta que percorre os principais puntos de interese arqueolóxico e arquitectónico existentes ao longo da illa. Esta senda, que precisamente acaba de ser acondicionada pola Xunta coa colocación de novos paneis informativos e información en liña dispoñible a través de códigos QR, propón un percorrido de 5,5 quilómetros que permite coñecer o sartego da Laxe do Crego, unha sepultura escavada na rocha da época alto-medieval, a fábrica de salga romana de Canexol que producía salsas e peixe en salga, o castro do Castelo dos Mouros no que vivían na época romana as persoas que traballaban na fábrica ou as dúas baterías defensivas que protexían a entrada á ría de Pontevedra na Guerra da Independencia.
Neste sentido, a vicepresidenta segunda en funcións explicou que as persoas que visiten Ons estes días xa van poder atopar e coñecer os últimos avances sobre a investigación ao redor da antiga ocupación desta illa, tanto a través da ruta peonil dos Múrices como da visita á nova sala de arqueoloxía localizada no centro de interpretación.
En todo caso, considerou que aínda queda traballo por facer e cousas que descubrir sobre a historia de Ons, polo que anunciou que a partir do día 22 de abril se programarán novas escavacións do equipo de arqueólogos dirixido por Adolfo Fernández.
As actuacións executadas no centro de interpretación, tal e como explicou, supuxeron un investimento por parte da Xunta de preto 100.000 euros, e ademais de habilitar a nova sala de arqueoloxía onde todas as persoas que decidan achegarse ata a Illa poderán visitar, de forma gratuíta, a exposición permanente inaugurada esta mañá, tamén permitiron acometer unha serie de melloras e adaptacións no edificio. En concreto, Ángeles Vázquez explicou que se repararon as ramplas e se habilitou unha nova porta de acceso desde o patio co fin de facer máis accesible o Centro de Interpretación de Ons, executáronse medidas para optimizar o aforro enerxético das instalacións, acometéronse arranxos nas fiestras e cristaleiras e mellorouse a sala de audiovisuais, ademais doutras obras no edificio.
Reservas para a Semana Santa
A nova sala de arqueoloxía de Ons está chamada a ser un reclamo máis para os visitantes que cada ano escollen esta illa para pasar as súas vacacións e tempo de lecer. Neste sentido, Vázquez Mejuto indicou que para esta Semana Santa —un dos períodos de tempada alta previstos no Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional— a Xunta xa emitiu máis de 5.400 autorizacións para poder visitar Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada, unha cifra que, segundo precisou, se incrementará previsiblemente nos vindeiros días.
Ao respecto, animou a todas as persoas que se acheguen ata o vindeiro luns a coñecer a illa de Ons a visitar o museo de arqueoloxía inaugurado hoxe e a percorrer a renovada vía dos Múrices, aproveitando algunha das visitas guiadas que a Xunta ofrecerá gratuitamente ao longo da Semana Santa. De feito, hoxe mesmo estaban programados os dous primeiros percorridos por esta ruta que, a modo de experiencia piloto, realizarán guías especializados para dar a coñecer os segredos arqueolóxicos de Ons.