A Viceportavoz do PSdeG Leticia Gallego reclamoulle o pasado venres á Xunta que execute as obras imprescindibles para a mellora da seguridade e que constrúa sendas peonís e ciclistas na PO – 313 ao seu paso por Moaña. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que leve estas actuacións que están a esixir os veciños da localidade, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista cualificou de “vergoña” que a Xunta poña como “escusa” para renunciar á mellora da vía que non teñan rexistrado demasiadas vítimas nos últimos anos. Aludiu á petición dos veciños e veciñas do barrio do Broullón reclamando en 2021 pasos de peóns e semáforos, ao que a Axencia Galega de Infraestruturas respondeu que non se podía porque no existían beirarrúas nas dúas marxes e que só houbera 5 accidentes con vítimas en dez anos.
Gallego lembrou que a estrada, que comunica Moaña con Marín e vertebra varios barrios da vila, é de titularidade autonómica, e polo tanto é a Xunta quen debe de dar conta da falla da seguridade viaria. Sinalou que en concreto no barrio de Broullón “non existe ningún paso de peóns, a pesares de que existen numerosas vivendas unifamiliares e servizos nos dous lados da estrada”, o que levou aos veciños e veciñas a concentrarse o pasado mércores en sinal de protesta.
Criticou que o PP “sexa o partido do NON” ao negarse sistematicamente a calquera actuación que garanta a seguridade nesta estrada, mesmo chegando a rexeitar as emenda presentadas polos socialistas galegos no debate de Orzamentos do ano 2022. Reclamou que as actuacións sexan incorporadas ás contas da Xunta para 2023, e advertiu que “non facelo é un agravio co Concello”, que carece dunhas infraestruturas coas que si contan outras localidades.