O conselleiro tamén recoñeceu que están a analizar as necesidades dos colexios de Seixo e o Plurilingüe da Laxe para facerlles melloras durante 2024
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de máis de medio millón de euros para cambiar a cuberta do colexio CEIP Plurilingüe do Carballal de Marín. Ademais, explicou que se están a analizar as necesidades dos colexios de Seixo e Plurilingüe da Laxe para estudar a posibilidade de realizar melloras nos mesmos ao longo de 2024.
Nunha visita ao colexio, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que esta actuación se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego para renovar as instalacións educativas e adaptalas ás necesidades do século XXI. “Este plan ten entre as súas prioridades mellorar a eficiencia enerxética dos edificios educativos, o que redunda ademais nun maior confort térmico para todos os membros da comunidade escolar”, sinalou o conselleiro.
“Actuacións como esta, de renovación de cuberta, así como o cambio de fiestras que acometemos xa neste colexio, son fundamentais para avanzar neste obxectivo de acadar centros educativos máis verdes e
máis respectuosos co medio ambiente”, destacou.
Investimento de máis de 5M€ desde 2009
Román Rodríguez lembrou que esta nova intervención eleva a máis de 5M€ o investimento da Xunta en obras educativas no Concello de Marín desde 2009 e sitúa ao Colexio do Carballal como o centro cun maior esforzo inversor, con máis de 1,6M€. “Non en balde, neste centro xa acometemos nos últimos anos unha rehabilitación enerxética e o cambio da carpintería exterior”, detallou.
A licitación do cambio de cuberta do colexio CEIP Plurilingüe do Carballal está prevista para antes do remate do ano 2023 por un importe de 516.462€. A nova será de panel sándwich con acabado de aceiro galvanizado con 3.074,92m². A maiores, mudaranse os canlóns e as baixantes de aluminio do ximnasio por outras de PVC. Tamén se colocará unha nova, do mesmo material, no saínte da planta baixa do bloque principal.