Imaxe dun vertido.

A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais ao río Postillón, ao seu paso polo lugar de Balea, no concello de Cangas. Este foco foi localizado na parroquia de Santa María de Darbo no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia.

Os inspectores desprazados á zona observaron a afección visual nun punto de desaugue de augas pluviais cara á marxe esquerda do curso fluvial, ao seu paso baixo a estrada PO-315, procedendo á mostraxe do caudal evacuado e confirmando a presenza de contaminación fecal na auga.

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Cangas para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante, identificando a orixe en dúas acometidas incorrectas de augas asimilables a urbanas procedentes de dous inmobles do lugar de Balea.

Nunha nova inspección, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións realizadas polo Concello na zona, coa correcta conexión á rede de saneamento das augas urbanas procedentes dos dous inmobles do lugar, permitiron o cese do foco e a emenda do vertido.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *