Un dos puntos polos que discurrirá esta senda, o mirador da Borna.

O acto de levantamento de actas previas terá lugar o 22 de setembro, entre as 9 e as14 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, e a súa formalización o 14 de decembro, no mesmo horario e lugar

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se convoca para os meses de setembro e de decembro os propietarios dos terreos necesarios para acometer unha senda na estrada autonómica PO-551, entre A Moureira e Palmás, no concello de Moaña. O acto expropiatorio de levantamento de actas previas fíxase para o día 22 de setembro, entre as 9 e as 14 horas, no salón de plenos da Casa do Concello de Moaña.

Posteriormente, convócase os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, o vindeiro día 14 de decembro, no mesmo horario e lugar. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/2XtUlJX

Unha vez dispostos os trámites expropiatorios, o departamento de Infraestruturas da Xunta prevé licitar as obras para a súa execución no ano 2022.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez destinará a este proxecto preto de 1,7 millóns de euros, nos que se inclúe o pagamento dos 26 predios precisos para levala a cabo, cun prazo de 12 meses para a súa execución.

Os actos expropiatorios realizarase seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. O local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima e estará dotado con carteis informativos e xeles hidroalcohólicos. Os titulares deben asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

O detalle da intervención

A intervención consiste na construción dunha senda pola marxe dereita da estrada PO- 551, entre os puntos quilométricos 29+220 e 30+920. A Xunta, tras a análise das achegas presentadas ao proxecto inicial, e atendendo á solicitude do Concello, actuará ao longo dun tramo de 1,45 quilómetros da estrada, ampliándose en 300 metros a lonxitude da senda para facilitar a mobilidade dos peóns que acceden á PO-551 desde Meira e conectar na parte final coas beirarrúas existentes.

O novo itinerario proxéctase, na súa maior parte, en formigón coloreado e estará limitado exteriormente por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. Naqueles casos onde o espazo dispoñible sexa suficiente disporase, tamén, dunha franxa vexetal axardinada entre a senda e a calzada.

O ancho do itinerario será variable, sendo como mínimo de 1,5 metros, e a franxa axardinada, nas zonas onde se dispoña, será de 0,5 metros. Polo desnivel do terreo ao carón da estrada será necesario executar máis de 300 metros da senda ampliando a plataforma da calzada cunha estrutura en voadizo.

Os traballos incluirán, ademais, o acondicionamento da marxe da estrada e a roza das áreas adxacentes á senda, coa fin de mellorar a paisaxe e favorecer o uso do novo itinerario.

Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que recolle a execución de 8 itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *