Será no salón de plenos do Concello ás 19:30 horas

Este mércores, 19 de xaneiro, ás 19.30 horas técnicos da Unión de Consumidores de Galicia recalan na vila de Cangas no marco do ciclo de actividades informativas dirixidas a persoas consumidoras afectadas polo coñecido como “Cártel dos coches” no que informarán dos dereitos que lles asisten así como o procedemento a seguir e documentación precisa para reclamar. Nesta ocasión, a actividade desenvólvese en colaboración coa Alcaldía do Concello de Cangas.

Esta problemática trae orixe nos expedientes sancionadores tramitados pola CNMV que remataron en distintas sancións (a súa maioría xa ratificadas polo Tribunal Supremo) a 34 marcas de vehículos polo intercambio de información confidencial que lles permitiu controlar o mercado da distribución e venda de vehículos. Este cártel afectou a persoas, profesionais e empresas que adquiriron un vehículo ben por compra, leasing ou renting entre os anos 2006 a 2013.

Os fabricantes afectados por este cártel son: Alfa Romeo, Audi, BMW, Chevrolet, Chrysler, Citroen, Dodge, Fiat, Ford, Honda, Hyundai, Jeep, Kia, Lancia, Lexus, Mazda, Mercedes Benz, Mitsubishi, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Volkswagen, Toyota, Volvo.

Unión de Consumidores de Galicia considera que as persoas afectadas poden reclamar o prexuízo sofrido como consecuencia do sobrecuste pagado polo vehículo de resultas das prácticas anticompetencia, un importe que podería supor arredor do 10% do prezo pagado polo vehículo, un aspecto que definirá o informe pericial que a equipa da organización elaborará con motivo destes procedementos.

Esta actividade, aberta a todas as persoas interesadas, terá lugar ás 19.30 do mércores 19 de xaneiro en Cangas, concretamente no Salón de Plenos do Concello.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *