O adro de Darbo volverá converterse este 17 de maio nun punto de encontro para a música, a tradición e a festa coa celebración da Romaría do 17, unha cita que nesta edición recupera o formato diúrno do seu primeiro ano coincidindo co Día das Letras Galegas.
A xornada contará cun amplo programa de actividades para todos os públicos, ademais dunha variada oferta gastronómica con paella, fideuá, bocadillos quentes, opcións veganas e sen glute, así como servizo de barra con bebidas a prezos populares.
A programación arrancará pola mañá co espectáculo infantil e familiar “A vida tola”, da pallasa e artista circense Pajarito, unha proposta de clown e escapismo participativa pensada para todos os públicos. Ao mediodía chegará a sesión vermú da man de París de Toya, coñecida formación festeira que mestura música popular e humor.
Xa pola tarde, a romaría continuará cunha foliada popular aberta á participación de todas as persoas asistentes, seguida da actuación do grupo folk Alvariza, formación centrada na difusión e renovación da música tradicional galega, actualmente inmersa na súa “Xira25”. O peche da festa correrá a cargo do Trío Azar, agrupación con ampla experiencia nos escenarios galegos e un repertorio pensado para manter o baile ata o final da noite.
A organización tamén anuncia xogos populares, sorteos e outras sorpresas ao longo do día, nunha celebración que busca reivindicar a música, a cultura popular e o espírito festivo das romarías galegas.

