A aprobación desta ordenanza é o broche final a unha batería de medidas de apoio ao sector, entre as que destacan a ampliación a case o dobre de mesas para paliar as consecuencias económicas das restricións sanitarias e a exención da taxa de terrazas, que supuxo un esforzo económico de 40.000 euros cada ano
A ocupación do espazo público e a súa distribución para dar resposta ás
demandas do sector económico e da cidadanía é esencial. Por iso, o Concello de Marín leva traballando intensamente nos últimos meses na posta en marcha dunha nova Ordenanza reguladora das licenzas de instalacións de terrazas no Concello, que mañá será elevada ao Pleno da Corporación para a súa aprobación definitiva.
O documento, que estivo a exposición pública, recibiu dúas alegacións, que foron
desestimadas polo equipo técnico municipal. Despois foi tratada tamén na Comisión Informativa de Medio Ambiente, onde foi dictaminada favorablemente
polos tres grupos políticos con representación na Corporación.
A concelleira Marián Sanmartín explica a importancia que ten esta nova
ordenanza, “porque nos permitirá homoxeneizar a estética das nosas terrazas e mellorar en todo o posible o reparto do espazo público”.
A súa aprobación é o broche final para toda unha serie de medidas de mellora
que se aplicaron para o sector hostaleiro por mor da pandemia e que melloraron
sustancialmente a súa situación, “xa que foi un dos sectores máis castigados polas
medidas e por iso, desde o primeiro momento, tratamos de axudarlles a levar o
mellor posible as consecuencias”, explica Sanmartín.
De xeito concreto, estas medidas supuxeron, por unha banda, a duplicidade das
mesas de terrazas dispoñibles, pasando dun total de máis de 300 a superar as 600 mesas. Estas ampliacións, que se fixeron sempre da man dos técnicos municipais e preservando os espazos para os peóns, “permitiron aos locais aumentar o número de mesas nas súas terrazas á vez que respectaban as limitacións de aforo”.
Pero é que ademais, ese aumento non se viu traducido nunha maior carga fiscal
para a hostalaría, porque o Concello tomou a decisión de eximir do pago desta
taxa durante todo do 2020 e o 2021. En total, o Goberno local calcula que supuxo
unha redución de 40.000 euros de recadación, “pero sabemos que foi unha
medida que axudou ao sector no peor momento”, e que se sumou a outras
bonificacións fiscais aplicadas a todos os establecementos que nalgún momento
tiveron que pechar pola situación sanitaria.
Principais novidades da ordenanza
- Con esta nova ordenanza, facilitarase o pago das taxas de pago de terrazas,
xa que se poderá facer de maneira fraccionada a través do padrón fiscal.
Esta taxa comezará de novo a pagarse a partir do 2022 despois de dous
anos de exención, como se explicaba antes. - Valorarase moito máis a estética das terrazas, coa finalidade de
homoxeneizar o espazo público e loitar contra o feismo. Proporanse
múltiples opcións dentro dunha mesma liña estética dos principais
elementos de mobiliario: mesas, cadeiras, paraventos, parasois, toldos,
toldos telescópicos… - Realizarase un control aínda máis exhaustivo para garantir que se cumpre
coa normativa e non se dan situacións nas que non se respecte o espazo
público para o tránsito de peóns. - Amplíanse os horarios de instalación e retirada das terrazas. A instalación
ata agora era ás 09.00 durante a semana e ás 08.30 durante a fin de
semana. Agora pasará a ser a partir das 08.00 todos os días. Sobre o peche,
ata agora no inverno era á 01.00 durante a semana e ás 02.30 na fin de
semana, e entre o 1 de abril e o 30 de setembro estes horarios ampliábanse
ás 02.30 e ás 03.30 respectivamente. Ca nova ordenanza pasará durante
todo o ano e todos os días ás 02.30 no caso dos bares e terán 30 minutos
para a recollida. - Maior variedade nas medidas das mesas. Ata agora, considerábase que
cada mesa ocupaba 2×2. Agora, os establecementos que teñan espazos
terrazas máis reducidos poderán usar outras medidas para repartirse
mellor e, no caso dos locales de restauración, tamén poderán colocarse
mesas máis grandes. - Dada esta novidade, o pago da taxa xa non será por unidades de mesa
(calculábase 4 metros cadrados por cada unha), senón que será polos
metros cadrados de espazo ocupado, incluindo os corredores que se crean
entre as mesas, xa que non son un espazo que poida ser utilizado pola
cidadanía.
O prazo de adaptación do sector para cumprir con todas as esixencias estéticas
da ordenanza será de 2 anos desde a súa entrada en vigor. No que respecta ás
novas licenzas, outorgaranse por un máximo de catro anos, aínda que deberán
renovarse anualmente. Pasados eses catro anos, será preciso solicitala de novo,
presentando toda a documentación.
A concelleira indicou que, pasado o Pleno da Corporación, manterá unha reunión
con representantes do sector para entregarlles en man a ordenanza e explicarlles,
punto por punto, as novidades da mesma e escoitar as súas dúbidas e demandas.