Alcaldesa, concelleira de Promoción Económica e Turismo e grupos folclóricos, alfombristas e obradoiros, esta mañá na presentación de A MOA.

A Mostra de Artesanía e Cultura Tradicional de Moaña (A MOA) arrincará o vindeiro mércores na contorna do palco da música. Esta actividade, complementaria do Festival Intercéltico do Morrazo (FIM) que comezará o venres, albergará ao redor de 25 casetas, cinco delas adicadas a comida e dúas decenas relacionadas coa artesanía: xoiería, bixutería, resinas, complementos… Ademais dun posto de merchandising da propia A MOA, organizada pola Asociación Cultural Moaña AntiQua en colaboración co Concello de Moaña.

En canto ás actividades culturais que organiza, prevense os desfiles e actuacións dos grupos locais Arco da Vella, Meiramar Axóuxeres e Breogán o mércores 26 ás 20:45 horas, o xoves 27, á mesma hora, tocaralle a quenda a Gaiteiros de Moaña, Salgharitas, Solaina e Charaviscas e como peche, o domingo, Pataghullos e Estatalá e Monteira.

Durante a fin de semana os protagonistas serán tamén os obradoiros. O sábado os Alfombristas de Moaña realizarán un tapiz con motivo do XXXIX FIM ás 19:00 horas e, a continuación, o profesor de baile tradicional e moañés Manolo Cobas realizará un serán popular para todos os públicos e todas as idades. «Está enfocado a calquera persoa para que saiba desenvolverse nos concertos da noite e que a xente poida gozar o Festival non só escoitando a música dos concertos senón tamén bailándoos», expresou Cobas durante a presentación de MOA esta mañá aos pés do edificio do Concello. Non é necesario inscrición previa nin hai prazas limitadas.

O obradoiro está orientado para todos os públicos e todas as idades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *