A Mesa Local da Sanidade de Moaña celebrou onte unha nova reunión para valorar tres puntos importantes. O primeiro, acordar o texto da carta coa que dar resposta á remitida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o pasado 7 de xullo, en resposta á solicitude de reunión co responsable da sanidade autonómica. Segundo explica a presidenta da Mesa e alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, na elaboración do borrador participaron todos os membros, ademais dos grupos políticos do BNG e PP. O PSdeG, con todo, decidiu non opinar alegando tempo insuficiente para poder pronunciarse. Esta carta farase pública unha vez sexa remitida ao titular de Sanidade.
O segundo punto na orde do día foi a valoración da reunión co xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, hai unhas semanas. «A reunión témola que valorar negativamente porque non achegou ningunha información nova, seguen reafirmándose en que non devolven as urxencias a Moaña. Pola nosa banda o que pedimos é reestablecer este servizo, ao que temos dereito», manifestou Santos ao finalizar o encontro, quen reiterou que a Mesa segue mantendo a súa solicitude de reunión co conselleiro, a mesma que pediron xa o 5 de maio de 2022, a pesar da carta e ao encontro coa responsable da área.
Finalmente, e como consecuencia do acordado anteriormente, a Mesa Local decidiu tamén comezar a traballar na preparación dunha nova mobilización de fronte ao mes de setembro. O próximo día 5 ás 18:00 horas os membros están citados novamente no Concello para fixar a data da manifestación e exporse a posibilidade de enviar cartas protesta a distintas administracións públicas que a día de hoxe non quixeron concretar. Polo momento mantéñense as concentracións dos domingos pola mañá diante do centro de saúde de cálea Concepción Arenal.