A campaña acolle polo momento a dezaoito locais hostaleiros da comarca, aínda que está aberta a adhesión a través do correo info@mancomunidadedomorrazo.gal
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo arrancou esta semana a campaña de recollida de biorresiduos ‘porta a porta’ entre a hostalaría comarcal con gran éxito, pois na madrugada do martes ao mércores contabilizáronse un total de 540 quilos entre os dezaoito locais da comarca participantes. Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente do ente supramunicipal, salienta que “isto supón entrar nunha nova era, pois esta recollida selectiva a grandes produtores vainos permitir mellorar a xestión dos residuos e incrementar as taxas de reciclaxe para aproximarse aos obxectivos das diferentes normativas europeas”.
Na campaña participan polo momento dezaoito restaurantes e taperías da comarca, concretamente nove de Bueu, oito de Cangas, e un de Moaña, e cada un deles recibiu un colector marrón con pedal adaptado ás súas necesidades, que pode ser de 120, 240 e 360 litros, ademais de bolsas biodegradables, pousavasos e manteis individuais para visibilizar a campaña.
A Mancomunidade centra os seus esforzos na recollida á hostalaría, posto que son os principais xeradores de biorresiduos e de aí o importante papel que xoga a súa colaboración á hora de separar correctamente estes residuos. Con esta campaña, o ente supramunicipal pretende comezar a implantar as normativas europea e estatal, que esixen acadar o 55% na reutilización e na reciclaxe dos residuos domésticos en 2025.
Ademais, a nova lei de residuos de Galicia pretende instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos biorresiduos. Para chegar a estes obxectivos, tanto as administracións públicas como o tecido empresarial e a propia cidadanía, deben asumir as súas respectivas responsabilidades e ser parte activa na recollida e na xestión do lixo.
Segundo informan dende a Mancomunidade, os locais hostaleiros aínda están a tempo de sumarse a esta campaña, para o que poden escribir un correo a
info@mancomunidadedomorrazo.gal , e posteriormente recibirán unha visita do persoal técnico da Mancomunidade, quen lles informará sobre a dinámica da separación en orixe e a nova sistemática do colector marrón.
Esta iniciativa levarase a cabo no marco das axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.