A conselleira esta mañá na lonxa de Bueu.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa de Bueu e mantivo un encontro cos representantes da confraría de pescadores local na que analizou a evolución do sector nos últimos meses e especialmente a campaña do polbo, que está a ofrecer datos que apuntan á recuperación da especie.

As capturas rexistradas no conxunto de Galicia nos primeiros 40 días de actividade trala veda multiplican por máis de sete as obtidas no mesmo período do ano pasado mentres que os ingresos multiplican por oito os de 2020. Este mellor balance na facturación débese a que o prezo medio, de 9,3 euros o quilo, é o segundo máis alto da serie histórica só superado polos 10,6 euros o quilo de 2018.

A titular de Mar salientou que ata a semana pasada as lonxas galegas recibiron máis de 230 toneladas deste cefalópodo, un 3% máis que a media histórica, e ingresaron máis de 2,1 millóns de euros pola súa venda, un 63% por enriba da media da serie, que se remonta á campaña 2004-2005.

No caso da lonxa de Bueu, nas primeiras semanas de campaña comercializou máis de 4.500 quilos de polbo e facturou arredor de 40.000 euros pola súa venda. No caso das capturas, son cifras que roldan a media histórica e triplican as do ano pasado, mentres que os ingresos superan nun 30% a media rexistrada nos exercicios anteriores e cuadriplican os obtidos nas primeiras semanas de pesqueira posteriores á veda de 2020.


DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí