A degustación de tapas de mexillón, ameixa e choco a prezos populares encherá de sabores locais o entorno de San Adrián os días 22 e 23 de abril
As seis casetas de madeira que o Concello estrenou hai dous anos no Mercadiño de Nadal estarán tamén na Festa do Mar de Vilaboa facendo a función de stands para os artesáns locais, que aproveitarán o evento para dar a coñecer o seu traballo. César Poza, alcalde de Vilaboa, e Carmen Gallego, concelleira de Dinamización apostan así na organización desta Festa pola visibilización e promoción conxunta do sector do mar e tamén do cultural, no que Vilaboa “ten canteira”.
Un dos stands adicarase á promoción turística do propio municipio con información sobre rutas de sendeirismo, o entorno do Forno da Cal e As Salinas de Ulló, un entorno que agora é máis fácil de entender grazas aos diferentes puntos de realidade aumentada instalados neste espazo. Nesta mesma caseta venderanse os tickets para a degustación das tapas que se van elaborar na Festa.
Pintura e artesanía
Nesta edición estarán presentes na feira Victor Tajes coas súas pinturas; Alcrique cos seus produtos artesáns e de elaboración local; Ledicia González Gómez coas súas pinturas acrílicas e cunha artesá de instrumentos no stand nomeado ARTESANS DE VILABOA; Laura Filgueira con produtos de madeira con gravados e gravados de papel no stand ERRE3 e Carmen Castro con “cachiboreta”, un taller de transformación con produtos vintage e motivos mariñeiros. Tamén terán merchandising e entradas á venda os mozos que mozas que organizan o Canteira Fest para promocionar o festival, que se celebra en setembro na Canteira de Paredes en Vilaboa.
Tapas a prezos populares
Os vindeiros días 22 e 23 de abril o sabor do mexillón, da ameixa e do choco inundará o entorno de San Adrián da man dos tres restaurantes locais encargados das degustacións, elaboradas con materia prima escollida por mariscadoras e bateeiras de Vilaboa. A GARBOA, CASA AURELIA e A CASA DE ROSA DE MAZAROCA poranse aos fogóns para preparar as tapas de mexillón a 3,5 euros; os chocos a 5 euros e a 6 euros estará a ameixa. Todos eles preparados en distintas elaboracións: en empanada, en escabeche, guisados ou á mariñeira. Este ano, como novidade, haberá stand dulce para completar o menú e estará a cargo de panadería pastelería Os Laranxos, e un stand con bebida e café de pota. E xunto aos produtos do mar compartirán protagonismo e promoción os viños da IXP Ribeiras do Morrazo das adegas Os Areeiros, Ardán e Mosteiro de Poio.
A comisión organizadora, na que ademais do Concello están as mariscadoras, mariñeiros e bateeiras, será a que realice a cata das elaboracións dos restaurantes participantes, con premios para a Innovación, o Sabor e a Presentación.
Música e diversión
A tarde do sábado 22 ás 21 horas arrancará o programa musical, que nesta primeira xornada correrá a cargo de Caamaño & Ameixeiras ás 21 horas e a actuación musical de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre ás 22 horas.
A xornada do domingo conta tamén cunha programación que comezará coa actuación da banda da Escola de Música de Vilaboa que estará acompañada no seu concerto polas voces de Merchy Treviño e Dani Lamas. Ao remate da actuación, sobre as 13.30 horas, terá lugar a entrega dos recoñecementos da cata aos restaurantes premiados; dando paso a unha nova xornada de degustación dos produtos do mar de Vilaboa.
Tanto o alcalde de Vilaboa, César Poza, como a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, convidan á veciñanza da contorna a achegarse o próximo fin de semana a San Adrián e gozar tanto da variedade de produto extraído das augas da ría como da calidade na elaboración que ofertarán os restaurantes locais, a quen o goberno local agradece a súa implicación con esta Festa que ten como obxectivo “a posta en valor dun sector, o do mar, cun peso importante en Vilaboa e que ten que enfrontar moitas dificultades”.